Gran éxito da campaña ‘Enki Pills’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A campaña en redes sociais do Proxecto Enki conta xa co apoio de numerosas personalidades coruñesas e galegas. A iniciativa comezou fai un par de semanas e consiste en facerse unha fotografía ou un vídeo no que aparezan as ‘Enki Pills’, unhas pastillas de caramelo que teñen poderes máxicos e conseguen transformar o imposible en posible e favorecen a integración. Sumáronse xa os organizadores: o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, ademais das concelleiras Silvia Cameán (Xustiza Social e Coidados) e Rocío Fraga (Igualdade e Diversidade); a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, e a presidenta da Fundación Abrente, Carmen Touza. Tamén participaron, entre outros, os xogadores do Deportivo Lucas Pérez e Pedro Mosquera; a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o presidente do PP provincial, Carlos Negreira.

Ademais, incorporáronse institucións como Down Coruña, a través do seu presidente Manuel A. Esmorís; a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, co seu equipo e presidente, Iker Sertucha; a Unidade de Lesionados Medulares do Chuac, co seu responsable Antonio R. Sotillos; o deportista tetrapléxico Ángel López, Esforza, Hércules XTRM, Basquet Coruña e Julio Flores ou a piscina municipal de Arteixo así como El Corte Inglés, como institución e a través do seu director de comunicación, Pati Blanco, e Marineda City. Ademais, apuntáronse a pousar coas Enki Pills personalidades de renome nas redes sociais, como o profesor Miguel Ángel López (Hematocrítico), o meteorólogo Carlos F. Balseiro (4pingas.com) ou o humorista Víctor Grande e xornalistas como Mayte González ou Fran Hermida.

II Carreira de Obstáculos pola Integración

A Coruña acollerá a segunda edición da única carreira de obstáculos pola integración que se celebra en Galicia. A iniciativa, promovida pola Fundación Abrente, a Fundación María José Jove e o Concello da Coruña, coa colaboración de Obra Social La Caixa, terá lugar o domingo 13 de setembro na Cidade Deportiva de Riazor. O 100% dos fondos recadados destinaranse á posta en marcha do primeiro club deportivo inclusivo ENKI.A carreira está aberta a nenos, maiores, familias, deportistas e non deportistas, homes, mulleres, persoas con mobilidade reducida, atletas… O percorrido estará adaptado para que todo o mundo poida superalo e gozar. Non haberá un gañador, senón que se premiarán varias categorías de equipos e tamén haberá premios para as entidades sociais que participan na Feira da Solidariedade.

O percorrido será de 2 km, con 1.000 m de probas por asfalto e outros 1.000 por areal. Os obstáculos do Paseo Marítimo serán similares aos da pasada edición, na que participaron máis de 1.600 persoas: montaña de pneumáticos, labirinto de cordas e xogo en equipo; mentres que no areal haberá labirinto a cegas, corpo a terra e baño de espuma. Esta edición contará, ademais, con novidades como a “guerra de cores Fundación María José Jove” e outras sorpresas. Haberá 3.500 dorsais dispoñibles, sendo a participación por equipos de 2 integrantes como mínimo. O custo do dorsal é de 7 euros para os 1.000 primeiros e 10 para o resto. As persoas con diversidade funcional e menores de 10 anos pagan unha cota simbólica de 3€. A inscrición pode facerse a través de www.ataquilla.com ou en El Corte Inglés de Ramón e Cajal e Marineda City (sección de deportes).

A Feira da Solidariedade

Ese mesmo día, na chaira de Riazor de 10.30 a 15.00 horas, celebrarase a Feira da Solidariedade, na que os visitantes poderán coñecer de primeira man o labor que realizan os colectivos que agrupan a persoas con diversidade funcional, así como os obxectivos que perseguen. As organizacións que confirmaron a súa participación son A.D. Vidu, Acofifa, Acopros, Adaceco, Afaco, Alcer Coruña, Apem, Artefios, Asem, Asociacion Arela, Aspace, Asperga, C.E.E. Maria Mariño, C.O. Pascual Veiga, Cogami, Down Coruña, Faxpg, Feafes, Fegerec, Fundacion Adcor, Grumico, A Quinta da arte, Liga Reumatolóxica Galega, ONCE, Parkinson Galicia, Rede española EF/SFM/SQM, 100 tolos.

Respaldo

– Promotores: Fundacion Abrente, Fundacion María José Jove e Concello da Coruña.

– Colaboradores: Obra Social La Caixa, Repsol refinaría da Coruña, Euromaster, Gas Natural Fenosa, Maracana colectores, Afundacion, Talleres Vilanova, Guidosimplex, El Corte Inglés, Coalbe, Decathlon, Marineda City, Tablero Nove, Hercules XTRM, Termaria, Hospital Quirón.

– Institucións: Universidade da Coruña, Bombeiros A Coruña, Cuartel Xeral da Forza Loxística Operativa, Deputación da Coruña.

8 de setembro de 2015 | 11:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.