Galicia Calidade promociona a excelencia dos produtos galegos en Madrid da man do chef Pepe Solla
A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, promocionará mañá en Madrid os produtos certificados da man do chef Pepe Solla. O evento, que se celebrará mañá ao serán no Restaurante Volvoreta, do grupo Eurostars, contará tamén coa colaboración da D.O. do Ribeiro e da sumiller Cristina Alcalá.
Ofrecerase unha degustación con produtos integramente galegos nuns pratos innovadores pero sen perder a tradición e a esencia de Galicia deseñados polo prestixioso chef galego do Grupo Nove Pepe Solla xunto cos chefs do restaurante Volvoreta. Con esta acción, Galicia Calidade pretende achegar a calidade dos produtos galegos a xornalistas, bloggers, e outros prescritores.
Galicia Calidade conta na actualidade con máis de 50 empresas e 250 produtos amparados onde o sector alimentario representa case un 90%. Na acción que se desenvolverá mañá en Madrid participarán empresas como Coren, Merluza do Pincho de Puerto Celeiro, Patatas Conde, ou Mariscos Linamar, entre outras.











