Galicia amosa o seu potencial no sector da planta ornamental en “Iberflora”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

Galicia está presente na feira Iberflora de Valencia cun espazo expositivo de 384 metros cadrados no que están representadas 10 empresas galegas do sector da planta ornamental. A directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, visitou esta mañá o certame para apoiar coa súa presenza a promoción das producións primarias de Galicia presentes neste evento, considerado o referente profesional deste eido en toda Europa.

Neste contexto, Patricia Ulloa sinalou que Galicia é unha verdadeira potencia neste sector, como o demostran os 130 viveiros existentes na nosa Comunidade, cunha superficie de cultivo que rolda as 900 hectáreas e 7 hectáreas de media por cultivo.

A directora xeral puxo tamén de manifesto que este sector xera unha man de obra directa duns 1.690 empregados, sendo o que presenta o maior ratio de empregados por ha (1,8) do total de sectores do medio rural.

Patricia Ulloa lembrou que a planta que máis se produce en Galicia é a camelia, que se cultiva en dous terzos dos viveiros da nosa Comunidade. A estimación de produción de camelia en Galicia é superior aos 3 millóns de unidades ao ano, o que nos converte nun dos maiores produtores a nivel mundial. Dentro de España, Galicia é a terceira comunidade autónoma que máis planta produce, só por detrás de Valencia e Cataluña.

Planta e flor

Iberflora, a feira internacional de planta e flor, paisaxismo, xardinería, tecnoloxía e bricoxardín, celébrase dende hoxe e ata o vindeiro venres no recinto feiral de Valencia. Na pasada edición contou con 403 empresas expositoras, procedentes na súa meirande parte de España e cun 26% de expositores internacionais de 15 países. Este certame ocupou unha superficie de 53.000 metros cadrados e foi visitado por case 10.000 profesionais, dos cales uns 600 acudiron de países como Emiratos Árabes, Brasil ou Marrocos, ademais doutros da Unión Europea.

30 de setembro de 2015 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.