Gabriel Hernández quinto e Aarón Diéguez oitavo no Campionato de Europa sub-23
Gabriel Hernández logrou o quinto posto en K-2 500 metros e Aarón Diéguez o oitavo en K-4 1.000 no Campionato de Europa sub-23 que se disputou en Baskov (Romanía). Os dous compoñentes do Kaiak Tudense protagonizaron unha excelente competición, tal como queda reflectido nos resultados finais. Co Campionato de Europa, o Kaiak Tudense pecha pola actual tempada o seu calendario internacional.
Gabriel Hernández, xunto ao madrileño Enrique Adán, finalizaron quintos no K-2 500 nunha regata espectacular. Ambos mantiveron unha gran progresión e notouse na última regata. Apostaron por estar entre os mellores, algo que lograron ao clasificarse para a final, e lograron colocarse a menos dun segundo do podio. A súa actuación pode clasificarse de brillante.
O mesmo se pode dicir de Aarón Diéguez, que competiu no K-4 1.000 español. Este barco iniciou o campionato con algunhas dúbidas, pero despois recuperouse na semifinal. Na final finalizou no oitavo lugar. Tamén un bo resultado se se ten en conta a calidade dos seus adversarios.
Tanto Gabriel Hernández como Aarón Diéguez debutaban no Campionato de Europa, o que engade aínda máis mérito aos seus bos resultados. Chegar á finais das súas modalidades era un gran obxectivo que ao final lograron e mesmo tiveron opcións de loitar polas medallas.











