Finaliza o prazo para anotarse no I Acuatlón de Santa Ifigenia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuDeportes
A-
A+
Presentación do I Acuatlón Santa Ifigenia

Presentación do I Acuatlón Santa Ifigenia

O Clube de Atletismo Corredoiras, coa colaboración da comisión de festas de Banda do Río e o Instituto Municipal de Deportes de Bueu, organizan o sábado 19 de setembro o I Acuatlón Santa Ifigenia. A proba tomará a saída na zona do paseo marítimo da Banda do Río, tanto para as probas de natación como para a carreira a pé, para as que contarán cunha embarcación e apoio. E é que, segundo apuntan desde a organización, o Acuatlón é un deporte combinado e de resistencia no cal o atleta realiza dúas disciplinas en tres segmentos: natación, carreira a pé e natación. Segundo apuntou Salvador Torres ‘Carolo’, membro do Club Corredoiras, esta actividade supón “unha nova proba deportiva coa que probaremos, para ver se a podemos ampliar nun futuro”.  As inscricións permanecen abertas ata mañá, e pódense realizar na páxina do Club Corredoiras (https://corredoirasbueu.wordpress.com/). Por agora hai 31 inscritos, segundo datos facilitados polo club, polo que a concelleira de Economía e Turismo, Silvia Carballo, anima a todos os nenos e nas a participar nesta actividade que se agarda que en vindeiras edicións “se amplíe a máis rangos de idade”.

As categorías nas que se pode participar son tres en feminino e masculino: benxamín (entre 9 e 10 anos), alevín (entre 11 e 12) e infantil (entre 13 e 14). O horario de saída será ás 11 para benxamín, ás 11.30 horas para alevín e a partir das 12 horas para infantil. A partir deses horarios, os participantes farán un primeiro segmento de 250 metros nadando, outro de 500 metros correndo e outros 250 nadando.

A entrega de gorros numerados será na Banda do Río o mesmo día ás 10 horas, e será obrigatorio presentar a autorización asinada polo pai, nai ou titor de cada menor.

A entrega de trofeos será a cargo da Comisión de Festas da Banda do Río, encargados da organización das Festas de Santa Ifigenia. Na rolda de prensa de hoxe, Celso Dopazo, presidente da Comisión aproveitou para agradecer a todas as casas comerciais a doazón dos trofeos para entregar aos gañador@s na proba. 

16 de setembro de 2015 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.