Félix Juncal reunirase co servizo provincial de costas para retomar o proxecto do paseo de Portomaior e Agrelo
O goberno buenense pretende retomar o proxecto para o acondicionamento dun paseo para as praias de Portomaior e Agrelo, que xa se aprobara no 2010 por parte do Ministerio de Medio Ambiente, a través do Servizo Provincial de Costas. Así, aínda que todo o expediente administrativo estaba listo, tivo que deixarse en suspensión por motivos da crise, sendo agora o “momento pertinente para retomar esta actuación de envergadura no termo municipal buenense e que se salde unha débeda histórica”, en palabras de Félix Juncal.
Tal e como recoñeceu o alcalde, o Concello foi “sensible durante estes anos pasados á crise económica, pero agora é a ocasión de retomar as xestións co Ministerio, tal e como foi comprometido no seu momento”. Para tratar este tema, Junca reunirase en Pontevedra coa Xefa do Servizo Provincial de Costas do Ministerio, Cristina Paz-Curbera y Llovet ás 9.30 horas.
Esta obra, valorada en máis de dous millóns de euros e con arredor dun quilómetro de paseo, será realizada polo Ministerio de Medio Ambiente, aínda que o goberno municipal xa acordou no pleno do 6 de outubro do 2010 que, unha vez rematadas as obras, o Concello se fará cargo do seu mantemento. Ademais do paseo, no proxecto tamén esta contemplada a construción dunha área de esparcemento, con aparcadoiro e parque público entre Agrelo e Portomaior, á altura das dunas.











