Esquerda Unida denuncia que Feijóo segue sen dar a cara tras a mobilización de Vigo
A integrante da dirección de Esquerda Unida e deputada de AGE Eva Solla denunciou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “segue sen dar a cara” unha semana despois da mobilización que tivo lugar en Vigo polo novo hospital e na que se deron cita decenas de miles de persoas. Ademais, advertiu da “destrución” da sanidade pública coa política da Xunta.
En rolda de prensa, Eva Solla asegurou que a cuestión sanitaria centrará este reinicio do curso político, no que se preparan iniciativas relativas a este campo, coa mirada posta, tamén, nas eleccións xerais de finais deste ano.
Respecto diso, e a preguntas dos xornalistas, a parlamentaria considerou que os “recortes” e a “privatización” da sanidade pública “debería pasarlle factura” nas urnas. Hai “datos suficientemente graves como para que non lle pase factura a un goberno que, ademais, está trufado de corrupción”, indicou.
Eva Solla referiuse a cuestións como o copago farmacéutico, que supuxo un “incremento do 10%” na factura para as familias; ou a que “un terzo” do total dos orzamentos públicos do Estado “van parar a mans privadas”.
“SEGUE SEN COMPARECER”
A parlamentaria tamén observou a existencia de “incumprimentos” en infraestruturas, aínda que, agregou, “sen dúbida, o tema máis alarmante volve ser o hospital do Vigo”. “Mañá (por este xoves), cúmprese unha semana da gran manifestación que reuniu a 200.000 persoas e, a día de hoxe, o presidente da Xunta segue sen comparecer para dar a cara ante a situación que se está vivindo”, remarcou.
Eva Solla lembrou que xa pediron a “dimisión fulminante” da conselleira, Rocío Mosquera, quen acudirá a próxima semana ao Parlamento para comparecer. “Temos que esperar até o pleno da próxima semana para que esta señora teña a máis mínima dignidade de dar explicacións”, indicou, despois de que xa se requiriu a súa presenza con anterioridade na Cámara.
Así mesmo, a parlamentaria indicou que no hospital de Vigo tratáronse de resolver os problemas “con parches” e indicou que a situación de “irresponsabilidade” co traslado ao centro vai máis aló dos resultados das análises da falecida -a semana pasada- que presentaba ‘aspergillus’, xa que foi unha “temeridade” levar pacientes cando aínda había obras e “ausencia de instalacións”.











