Enocións by Ribeiro clausurouse co humor de Carlos Blanco

Actuación Carlos Blanco
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro organizou o ciclo Enocións by Ribeiro, para reflectir as emocións que xorden durante a peregrinación a Santiago, a través dos sentidos, harmonizando disciplinas artísticas cola degustación de catro viños da Denominación de Orixe que mellor expresa a esencia de Galicia.
O actor Carlos Blanco ofreceu na súa última sesión un monólogo no que estiveron moi presentes o mundo do viño e as emocións ao rematar o Camiño: ledicia, gratitude, afouteza… Ao mesmo, os asistentes puideron gozar con referencias de catro destacadas adegas: Casal de Armán, Reboreda, Viña Costeira e Pazo Casanova e visitaron a exposición Camiño A Orixe.
Guiando a cata estivo o director do Instituto Galego do Viño (INGAVI) e sumiller do restaurante Pepe Vieira, Xoán Cannas. No acto tamén tomou parte o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.
As tres citas do Enocións by Ribeiro colgaron o “sen billetes” e desenvolvéronse no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia. Ademais de Carlos Blanco, contaron con Pepe Solla, Xurxo Lobato, Cristina Alcalá ou DJ Analís, entre outros.
A exposición Camiño. A Orixe, que vive os seus últimos días aberta, presenta unha selección de 150 obras de arte e 11 intervencións artísticas, para amosar unha visión contemporánea da ruta. Trátase dun proxecto dirixido por María García-Alén que se remonta no tempo ata o ano 820 d.C, co eremita Paio atopando a tumba do Apóstolo. Esta mostra conta con obras mestras de artistas como Durero ou Murillo, procedentes de institucións como a Galería Uffizi ou o Museo do Prado, e outras pezas dun alto valor cultural. Ademais, Camiño. A orixe complétase co proxecto Lugares xacobeos, intervencións artísticas realizadas por creadores da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.
Para o C.R.D.O. Ribeiro, estar presente dentro da familia de mecenas da Cidade da Cultura, e participar como patrocinador activo desta exposición sobre a orixe do Camiño de Santiago, é un paso máis cara a consolidación da marca Ribeiro no seu mercado vocacional, Galicia, o principal consumidor de viños D.O. Ribeiro. Esta histórica denominación remonta as súas orixes na viticultura ao Século X, cando a Orde do Císter púxoa en marcha dende o Mosteiro de San Clodio, en Leiro. Estes viños milenarios tiveron o seu primeiro mercado en Compostela grazas ao Camiño de Santiago.
Dentro do seu plan estratéxico o C.R.D.O. Ribeiro continúa o seu planeamento de accións acordes á historia, a profesionalidade na xestión, a busca da excelencia na calidade, e a potenciación da marca, unha das mais recoñecidas de España.











