publicidade hoxe

Economía e Industria colabora na reforma da súa praza de abastos de Arbo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArbo
A-
A+
Cores Tourís na visita á praza de abastos de Arbo

Cores Tourís na visita á praza de abastos de Arbo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, visitou esta mañá a praza de abastos de Arbo, en compaña do alcalde da localidade, Horacio Gil. Trátase dunha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade local que vai ser modernizada e remodelada polo Concello a través dun investimento de 87.000 dos que a Consellería de Economía e Industria aporta, a través dunha subvención, 60.000 euros, é dicir o 70%.

Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde, analizaron o estado da praza de abastos en compaña do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial Santomé.

Entre as actuacións previstas atópase a limpeza da fachada do edificio con hidrolimpiadora para a súa revitalización. Tamén se levará a cabo su pintado e a instalación de novas letras de “Mercado Municipal”. A maiores, tamén se instalará un cartel co novo logo corporativo da praza.

As obras permitirán tamén a demolición dos postos existentes e instalación duns novos de aceiro inoxidable con fregadeiros especiais para peixe, a retirada das barras de aceiro nestas zonas e o picado do piso da zona central. Instalarase un novo piso de formigón con tratamento antiesvarante, e no tellado aplicarase un tratamento illante así como un novo falso teito desmontable, cunha canaleta empotrada en chan de praza para a recollida de augas e a colocación de reixa galvanizada.

Finalmente, instalarase unha rede de fontanería nova para novos postos centrais, nova iluminación de tipo led e de emerxencia, e instalacións de carteis de sinalización en linguaxe Braille e alfanuméricos.

Cores Tourís recordou que a Consellería de Economía e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, vén de conceder apoios por preto de 1,5 millóns de euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en 29 concellos da provincia de Pontevedra, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

Os concellos que realicen melloras nas prazas deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.

Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

16 de setembro de 2015 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.