Economía e Industria apoia con 90.000 euros a modernización e remodelación da praza de abastos da Guarda

Cores Tourís na visita á praza de abastos da Guarda
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, visitaron esta mañá a praza de abastos da Guarda, unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade local que vai ser modernizada e remodelada polo Concello, ao que a Consellería de Economía e Industria vén de conceder unha axuda de preto de 90.000 euros.
Entre as actuacións previstas atópanse traballos de mantemento e mellora das instalacións coa renovación do acabado do firme do andar da planta baixa, reparación dos encontros do lucernario coa cuberta actual e a mellora da sinalización e o alumeado, avanzando no aforro enerxético, entre outros.
A Consellería de Economía e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, vén de conceder apoios por preto de 1,5 millóns de euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en 29 concellos da provincia de Pontevedra, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.
Os concellos que realicen melloras nas prazas deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.
Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.











