publicidade hoxe

Economía e Industria apoia con 73.000 euros a modernización da praza de abastos de Ribadavia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadavia
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron esta mañá a praza de abastos de Ribadavia, unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade local que vai ser modernizada por parte do Concello, ao que a Consellería de Economía e Industria vén de conceder unha axuda de máis de 73.000 euros.

As actuacións previstas céntranse na instalación de portas corredoiras automáticas; a posta en marcha dun sistema de son e pantallas; a creación dun aparcadoiro de bicicletas; a eliminación de barreiras arquitectónicas ou a mellora da eficiencia enerxética coa substitución de luminarias, entre outras. Estas melloras súmanse ás realizadas o ano pasado, cunha axuda da Xunta que superou os 75.000 euros, e que permitiron a renovación da cuberta do mercado, a limpeza da fachada e a mellora do pavimento ou a colocación de consignas.

A Consellería de Economía e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, vén de conceder apoios por preto de 700.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 18 concellos da provincia de Ourense, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

Os concellos que realicen melloras nas prazas deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.

Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

18 de setembro de 2015 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.