Dúas rúas de Narón cortaranse ao tráfico rodado a partir do luns debido á execución das obras de saneamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

A execución dos traballos incluídos no proxecto de saneamento integral da ría levará a cortar a partir do vindeiro luns, día 14, dous viais de Narón, tal e como se anunciou desde a Concellería de Seguridade Cidadá, presidida polo edil Guillermo Sánchez Fojo. A rúa Illas Sisargas, nas inmediacións das Vivendas da Marina, permanecerá pechada ao tráfico rodado durante un prazo de dous meses, unha medida que se corresponde coa primeira fase dos citados traballos nesa zona e que implicará, dentro dunhas semanas cortes noutras dúas vías da zona: Illa de Arousa –dende a primeira vivenda do cruce con Illas Sisargas ata o pavillón do colexio Virxe do Mar- e, posteriormente, o corte executarase entre a rotonda da Ponte das Cabras –en dirección á zona de Virxe do Mar- ata o inicio da rúa Illas Sisargas. Os veciños poderán utilizar o acceso da rúa Marqués de Figueroa.

Así mesmo, o vindeiro luns está programado o corte dun tramo da rúa Luís Seoane, entre a estrada de Castelao e a avenida Vicente Risco, na zona da Gándara. A medida responde tamén á execución das obras de saneamento nese punto da localidade e estará en vigor durante sete semanas. Para facilitar a circulación rodada durante este período pola zona permitirase o dobre sentido de circulación no tramo da rúa Castelao comprendido entre o Tanatorio Artabria ata e rúa Luís Seoane, e habilitaranse estacionamentos en liña.

O Concello pide desculpas aos usuarios destes viais polas molestias que poidan ocasionar estas restriccións no tráfico rodado, obrigadas polas obras necesarias para completar os traballos de saneamento integral da ría.

11 de setembro de 2015 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.