Dous xogadores guatemaltecos estarán a proba co Santiago Futsal
Os xogadores guatemaltecos José Eduardo Reyes e Jonatán Aníbal Arévalo, dous dos mellores xogadores de fútbol sala do país e habituais da Selección de Guatemala, estarán 10 días a proba co primeiro equipo do Santiago Futsal. O porteiro e o ala cierre teñen previsto a súa chegada no día de mañá e asitirán ao seu primeiro adestramento na mañá do luns. Os xogadores participarán nas sesións do Santiago Futsal até o 14 de Setembro co obxectivo de coñecer e, sobretodo, participar na metodoloxía e técnicas de traballo dun club profesional de fútbol sala.
Con esta acción, Santiago Futsal segue a promover a creación de vínculos con outras federacións e países nos que o fútbol sala é un deporte emerxente; neste caso con Guatemala, cuxa selección absoluta de fútbol sala é dirixida por Tomás de Dios, ex adestrador branco e padriño do equipo da capital galega.
Última cita amigable mañá en Ourense
O Santiago Futsal medirase mañá ao Sala Ourense na última cita amistosa dos de Santi Valladares nesta pretemporada, na que será a presentación oficial do conxunto ourensán da 2ª División B.
Os de Santi Valladares viaxan a Ourense co obxectivo de rematar o periodo de preparación sumando a sexta vitoria desta pretemporada, na que conseguiron superar a 5 Coruña FS (6-0), Prone Lugo AD (4-0), Talleres ABC (5-0), Cofersa O Parrulo (7-3) e Cidade de Narón (8-1).
A vindeira semana comezará oficialmente a competición ligueira, na que os de Santiago exercerán de visitantes e se desplazarán a Peñíscola. (Sábado, 18.30h)











