DIA denuncia que o almacén de Santiago continúa bloqueado de forma ilegal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O Grupo DIA denunciou este mércores que o seu almacén en Santiago de Compostela “continúa bloqueado de forma ilegal” debido á protesta de gandeiros que manteñen tractores bloqueando zonas como o centro loxístico desta compañía no Polígono do Tambre. Fontes da empresa sinalaron a Europa Press que a situación “non variou dende onte” malia as súas peticións á Administración para que se solucione esta situación, que se enmarca na semana de protestas dos gandeiros do sector lácteo galego na capital galega.

DIA denuncia que o seu almacén en Compostela segue bloqueado polos gandeiros e lamenta os “danos” que esta situación ocasiona á súa “cadea de valor” que, segundo subliña, “continúan en aumento” e que afecta a provedores locais, pequenos emprendedores franquiciados, transportistas e outros.

“Ata a data non nos deron ningunha solución”, lamentan as mesmas fontes do Grupo DIA, que aseguran que os camións “seguen bloqueados no interior”. Con todo, a compañía defende que “necesita exercer libremente” o seu dereito ao traballo “para abastecer” ás súas máis de 230 tendas coas que conta en Galicia.

9 de setembro de 2015 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.