Deputación e Universidade da Coruña axilizan trámites para a creación da nova residencia universitaria
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto anunciaron que nas vindeiras semanas se asinará o convenio para a cesión dunha ala do edificio que acolle o Colexio Calvo Sotelo, propiedade do organismo provincial, para a creación da nova residencia universitaria, para a que propoñen o nome da mestra represaliada Elvira Bao. Sanmartín e Armesto realizaron unha visita institucional á área do Colexio Calvo Sotelo que acollerá o futuro centro, situado a poucos metros da lugar de nacemento de Elvira Bao.
Vicepresidenta e reitor coinciden na vontade de axilizar a tramitación para a creación da futura residencia universitaria que acollerá arredor de cen prazas para alumnado e profesorado visitante. “Queremos dotar a Universidade e a cidade da Coruña dun equipamento de carácter público imprescindíbel. O edificio está infrautilizado e cumpre as condicións acaídas para acoller unha residencia universitaria”, explicou Goretti Sanmartín despois da visita xunto co reitor Xosé Luís Armesto ao colexio Calvo Sotelo. A vicepresidenta anunciou que a Deputación garantirá tanto a continuidade dos usos actuais como do persoal que traballa no centro.
Ademais de ceder a ala do edificio á Universidade da Coruña, a Deputación constituirá unha comisión político-técnica que definirá e fará o seguemento do proceso, despois de que técnicos das dúas institucións supervisaran e deran o visto bó á adecuación do espazo para este obxectivo. Goretti Sanmartín anunciou que a Deputación achegará os fondos necesarios para a reforma do edificio e a súa adecuación a unha residencia adaptada aos criterios de construción actuais para este tipo de equipamentos.
A creación da nova residencia universitaria estivo sobre a mesa despois do primeiro encontro entre os varios que xa levan realizado Goretti Sanmartín e Xosé Luís Armesto e, desde entón, fóronse dando pasos para consolidar o proxecto que afondará tamén na imbricación da Universidade coa propia cidade, aproveitando a súa céntrica situación. “Contribuirá a cohesionar e facer tecido social. Ao noso ver é fundamental que o estudantado se integre na cidade en que estuda e que as actividades derivadas dos centros universitarios revertan tamén na veciñanza que terá ao dispor as instalacións e a programación da propia residencia”, dixo a vicepresidenta.
Para o reitor, trátase dunha “moi boa solución, xa que significa pasar de cero a cen e ademais é unha proposta práctica e pragmática ”. Mostrou Armesto o “compromiso por parte da Universidade que asumirá a xestión pública e ofrecerá tamén prezos públicos que é o que levamos reclamado nos últimos tempos”, dixo na visita ao edificio que lle cualificou de “extraordinario” para albergar o novo centro.
A mestra que vivía ao pé da residencia
“De xustiza histórica será que esta nova residencia universitaria leve o nome de Elvira Bao, mestra represaliada e membro da sección feminina das Irmandades da Fala que naceu e desenvolveu parte da súa vida tan preto de onde se situará este novo centro do ámbito do ensino, ao que ela dedicou a súa vida”, valorou Goretti Sanmartín que coincidiu con Armesto en propor o nome de Elvira Bao para a residencia universitaria. A vicepresidenta afirmou que esa vontade responde tamén á petición da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Alén diso, para camiñar cara unha maior igualdade e xustiza, destacou a necesidade de incorporar nomes de mulleres a espazos e edificios públicos e, en especial, de figuras da nosa historia que, como no caso de Elvira Bao, foron silenciadas.
Evira Bao naceu en 1890 na Avenida de Rubine a pouca distancia de onde se situará a nova residencia universitaria. Nese domicilio de Riazor residiu até que, despois de casar, pasou vivir a unha casa enfrente da de nacemento até que a represión que sobre a súa familia se produciu despois do golpe militar do 1936 obrigáron a un traslado ao barrio de San Roque, como ten relatado a súa filla Elvira Varela Bao, albacea da memoria da súa nai. Militante das Irmandades da Fala e membro da Agrupación Repulicana Feminina da Coruña, Elvira Bao foi encarcerada e apartada do ensino público polo franquismo. En 1945, a mestra volvería ao ensino ao abrir unha escola privada en San Roque.











