Curtis unirase á rede de municipios que cooperarán na acollida de refuxiados
O Concello de Curtis (A Coruña), ante a gravidade da crise humanitaria que vive Europa nas súas fronteiras polos miles de persoas que queren entrar desde Oriente Próximo e o Norte de África, unirase á rede de municipios refuxio co fin de axudar na atención a estes cidadáns. Con este obxectivo, o portavoz municipal, Antonio Fraga, rexistrou onte, mércores, esta acción de Goberno para que poidan unirse a ela todos os grupos da Corporación local.
Na moción destácase que “un municipio de acollida e solidario como é Curtis non debe de quedar á marxe dunha situación de extrema urxencia como a actual” na que miles de cidadáns están a fuxir desesperados dos conflitos armados e das penurias que arrasan os seus países de orixe, e insiste en que é “case unha obrigación que nos impliquemos dentro das competencias que podemos ter os pequenos consistorios rurais”.
Antonio Fraga explicou que a intención do Goberno local é colaborar coa atención aos refuxiados achegando recursos municipais “como poden ser nosas instalacións e o apoio dos Servizos Sociais”. Ademais, insistiu na necesidade de que estas accións se coordinen con outras administracións e organizacións. “Debemos ser conscientes de que unha crise de gran calado como esta non se resolve só con iniciativas individuais”, sostivo.
Ademais, o Concello tamén abrirá un rexistro de familias voluntarias que estean dispostas a cooperar, ou ben creando unha rede de vivendas de acollida ou a través doutro tipo de colaboración.