Cuíña valora como moi satisfactorios os 100 primeiros días da xestión municipal
Representantes do Goberno municipal valoraron hoxe como “moi satisfactoria” a experiencia e os resultados destes 100 primeiros días de mandato no Concello de Lalín. O alcalde, Rafael Cuíña, o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e a concelleira Lara Rodríguez Peña salientaron esta mañá en rolda de prensa o elevado grado de coincidencia que existe entre os membros do Goberno de integración e apuntaron que nesta primeira fase “vertixinosa” xa se conseguiu imprimirlle un cambio total á maneira de facer política en Lalín.
“Non imos perder un segundo en mirar cara atrás”, afirmou Cuíña, “temos unha folla de ruta moi precisa e uns obxectivos moi definidos”. Eses obxectivos para a primeira parte do mandato pasan por “incrementar exponencialmente os investimentos para políticas sociais e para a recuperación do rural, así como adoptar as medidas ao noso alcance para propiciar a creación de emprego”, cuestións que se verán claramente reflectidas nos orzamentos do ano que vén.
O tenente de alcalde, pola súa banda, sostivo que nestes tres primeiros meses de mandato “notouse o cambio en Lalín grazas a un novo xeito de enfocarse cara os cidadáns, con maior participación dos veciños e cun maior peso da opinión da xente nas decisións políticas”. “Conseguimos abrir o concello á veciñanza”, salientou Casares, “impulsamos unha acción de Goberno na que o primeiro son as persoas e a prioridade as súas necesidades reais”.
Pola súa banda, a concelleira Lara Rodríguez Peña salientou o elevado grao de coincidencia que existe entre os membros dun Goberno que cualificou de “forte e que está a facer política para todos”. Sobre esta experiencia que xa dura 100 días Rodríguez Peña insistiu en que “está a ser moi fácil de levar”.
Balance de actuacións
De maneira esquemática ofrécese a continuación un balance dalgunhas das actuacións realizadas polo Goberno municipal nestes primeiros 100 días de mandato. O Goberno tomou posesión o sábado, 13 de xuño, e a súa primeira medida aplicouse o luns, 15 de xuño coa retirada da farola da sobreira de Bermés. Dende aquela estas son tan só algunhas das iniciativas que se levaron a cabo:
-Compra parking Europa. Aforro de 400 mil euros sobre o prezo pactado polo PP nunha reunión de 20 minutos.
-Inicio proceso de peonalización. Grazas á compra do parking Europa poderase reformular todo o modelo de estacionamento en Lalín, incluída zona azul, e emprender a peonalización gradual das rúas do centro. Empezará o 22 de decembro co peche ao tráfico durante a campaña de Nadal de parte da rúa Principal e de toda a Xoaquín Loriga.
-Acondicionamento no recinto do antigo colexio ‘Manuel Rivero’ para facilitar o estacionamento de vehículos. O goberno municipal decidiu habilitar este espazo como parking provisional e de balde para dar resposta a unha das principais demandas dos comerciantes da zona. Delimitación de 30 prazas de aparcamento.
-Participación veciñal e transparencia. Atención aos veciños constante, celebración de asembleas públicas para informar das iniciativas que está desenvolver o concello, recabar opinións e render contas ante a veciñanza. Por exemplo: asemblea para informar sobre a compra do parking Europa, ou polo inicio do proceso peonalización.
-Programa de reunións e visitas constantes ás aldeas e parroquias de Lalín. Dende mediados de xullo realizáronse máis dunha trintena de encontros para coñecer as demandas da veciñanza e iniciar as actuacións máis urxentes.
-Plan de obras de mellora na zona rural do municipio. Os traballos consistiron na pavimentación de vías e na limpeza de cunetas. Tamén se investiron máis de 61 mil euros en mellorar e acondicionar os centros sociais das parroquias de Muimenta, Losón e Lodeiro.
-Inicio do proceso para elixir de forma democrática aos representantes das aldeas de Lalín. Elaboración do regulamento para a designación dos alcaldes e alcaldesas de aldea.
-Racionalización da administración municipal e dos investimentos do Concello. Resolución do convenio coa UNED para manter aberta a aula de Lalín, que non era rendible nin económica nin socialmente.
-Co aforro da UNED incrementáronse as axudas a transporte para estudantes, que pasaron de 9.000 euros no curso pasado, aos 15 mil euros previstos para este. O resto do aforro destínase a políticas sociais.
-Posta en marcha da Escola de Verán. Un total de 55 rapaces e rapazas de entre 3 e 17 anos participaron nesta iniciativa que serviu como modelo de integración e de dar resposta ás familias máis necesitadas.
-Puxéronse en marcha os campamentos de verán e o campamento do Mar.
-No eido social activáronse as axudas á compra de material escolar e deportivo, as axudas á rehabilitación de infravivenda ou as subvencións a entidades deportivas.
-Activación de programas de axuda para a inserción laboral. Posta en marcha da iniciativa Insértate Lalín e do programa de axudas para emprendedores mozos, que queiran montar a súa empresa.
-Medidas para que Lalín manteña a categoría dos concellos galegos de máis de 20.000 habitantes. Consciente de que este é un gran obxectivo común e que precisa da implicación de todos, o rexedor convidou aos empresarios do municipio a que fagan “pedagoxía entre os seus empregados para conciencialos da importancia de estaren censados en Lalín”.
-Paquete de medidas para potenciar o papel do mercado como un dos grandes motores do comercio local. Melloras de espazos, amaño de deficiencias e convenios para impulsar a súa actividade.
-Traballos de mellora nas infraestruturas do Polígono Lalín 2000. As actuacións consistirán na rexeneración de pavimentos en diferentes treitos viarios e na reparación dos elementos de sinalización horizontal. O Concello conta cun orzamento total de 150.000 euros para esta iniciativa.
-Obras en colexios. Acondicionamento e mellora no Manuel Rivero, no Xesús Golmar ou no cole de Prado
-Creación do premio ‘Aldea Singular’. Este galardón substituirá á Encomenda do Cocido ten como principal obxectivo recoñecer os valores patrimoniais, sociais, culturais e paisaxísticos dos moitos núcleos de poboación que existen no rural de Lalín.
-Apoio decidido ao sector lácteo, un dos sectores fundamentais para a economía da comarca. Medidas de apoio tanto no plano político (mocións) como reivindicativo (plataforma e mobilizacións).
-Retirada de 600 mil euros de Bankia. A medida adóptase en sinal de protesta e reprobación pola gran cantidade de desafiuzamentos que está a executar esta entidade financeira e por “arruinar a moitos empresarios”.
-O Goberno municipal de Lalín ten previsto incrementarlles os impostos que se lles cobran ás entidades financeiras asentadas na localidade pola utilización que fan do espazo público os seus caixeiros automáticos.
-Compromiso co medio natural. Apoio firme e decidido á plataforma Salvemos Catasós, na defensa da Fraga de Casas Vellas.
-Disposición a ceder instalacións municipais co obxectivo de acoller a parte dos milleiros de refuxiados que están tratando de obter asilo en Europa debido aos conflitos que atravesan os seus países de orixe.
-O Concello de Lalín sumouse por primeira vez á celebración do Día Internacional do Orgullo LGTB coa colocación da bandeira do arco da vella na fachada da casa consistorial
-Recuperación da memoria histórica. Colocación no concello da réplica dunha placa na que se homenaxea aos asasinados pola represión franquista na comarca do Deza.
-Dinamización social, lúdica e económica da vila. Peonalización parcial durante as fins de semana das rúa Rosalía de Castro (rúa dos viños) e de aquelas que presentasen de forma paralela un plan de dinamización.
-Mellora de parques e xardíns, adecentamento e reparación de fontes, mantemento de rúas… Pintado dos pasos de peóns “musicais” en lembranza de persoeiros de Lalín.
-Pista de petanca no parque de Loriga.











