Cuíña lamenta que o PP se moleste por que Lalín lle pida á Xunta a súa implicación na continuidade da Escola de Gaitas
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, lamenta que o portavoz do Partido Popular, José Crespo, se sinta molesto polo feito de que o Goberno local veña de presentar unha moción para pedir a implicación da Xunta na continuidade da actividade formativa da Escola de Gaitas. Cuíña lembra que se puxo dende o primeiro momento a disposición dos afectados e que mantivo varias reunións cos responsables da Aula para tratar de buscar unha solución que permita garantir a formación musical que se está a impartir.
“A disposición deste Goberno ao papel que xoga a Escola é total”, di o alcalde, “pero aínda non sabemos cales son os custes que supón nin cales poderá asumir o concello. Por iso pedimos tamén a implicación do Goberno autonómico, para que a través da Consellería de Cultura amose publicamente o seu compromiso cunha iniciativa que en ningún caso debe ser motivo de confrontación política, senón de colaboración institucional”.
Neste sentido, o alcalde láiase que o Partido Popular siga confundindo o papel das administracións públicas. “A estas alturas da súa vida política parece mentira que o señor Crespo aínda non se decatase de que as institucións non pertencen aos partidos políticos que as gobernan en cada momento, senón a todos os cidadáns sen excepción, que son os que as financian cos seus impostos”. Para o rexedor lalinense esta postura do PP demostra que os populares só están interesados en utilizar aos alumnos da Escola de Gaitas e ás súas familias con intereses partidistas e que, en realidade, a actividade que estaba a desenvolver e a súa continuidade no tempo preocúpalles “máis ben pouco”.
“A nosa moción, precisamente, persegue todo o contrario”, reitera Rafael Cuíña. “Queremos sumar e non restar, queremos a máxima implicación para poder manter a actividade. A nosa moción non vai en contra de ninguén, senón a favor dunha iniciativa que todos debemos apoiar”.
A moción presentada polo grupo de Goberno insta á Xunta de Galicia a que, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, estableza as fórmulas necesarias para garantir, dentro das súas competencias e dispoñibilidade orzamentaria, o mantemento da actividade formativa que se lles estaba a prestar ata o de agora aos alumnos da sección en Lalín da Escola de Gaitas e Percusión. Asemade tamén insta á Xunta de Galicia a que, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, impulse a elaboración e posta en marcha dun convenio co Concello de Lalín e a Asociación de Gaiteiros Galegos para poder impartir tamén formación seguindo criterios acordes coa tradición musical propiamente galega.











