Covas acolle este sábado a VIII Festa da Orella
O polideportivo descuberto de Covas acolle este sábado, 5 de setembro, a VIII Festa da Orella que organiza a asociación veciñal desta parroquia. A celebración comezará ás 20:00 horas e estará amenizada polo grupo Os Castros. Ao evento, máis coñecido como a festa do socio, están invitados todos os socios/as da Asociación de veciños de Covas e todos aqueles veciños/as que queiran sumarase a este xantar. O obxectivo é pasar un día de xuntanza e integrar a todas aquelas persoas que non naceron nesta parroquia, pero que agora a elixiron como lugar de residencia.
Cinconta quilos de orella de porco cocida, chourizo, empanadas de atún, bacallau e mazá, viño, refrescos, auga e café. Este será o menú que poderán degustar as máis de duascentas persoas que, segundo calcula a Asociación veciñal de Covas se darán cita no polideportivo descuberto da parroquía, a carón do campo da festa. E todo polo módico prezo de seis euros. O grupo de gaiteiros Os Castros amenizará musicalmente unha celebración que vai tornando xa en tradición.
A Festa da Orella de Covas naceu a proposta do primeiro presidente da asociación veciñal, Manuel Martínez, quen propuxo aos veciños e veciñas da parroquia facer o balance anual da asociación rodeado de tan preciado producto gastronómico. Manuel segue a ser o encargado de cociñar a orella a día de hoxe, como ven facendo desde o ano 2007. O que nun principio se concebía como a festa do socio, pronto pasou a ser unha festa popular que congrega ano tras ano a máis de duascentas persoas.











