publicidade hoxe

Cores Tourís visita as obras de reposición da cuberta do CEIP de Chancelas de Poio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoio
A-
A+
Cores Tourís en Poio

Cores Tourís en Poio

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Poio para analizar co alcalde do municipio, Luciano Sobral, as obras de reposición da cuberta do CEIP de Chancelas e que están previstas para o inicio do curso en setembro. Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde analizaron as necesidades deste centro en compaña do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.

A obra está a supoñer a desmontaxe de todo o material de pranchas de fibrocemento das cubertas así como os paramentos perimetrais da mesma. A nova cubrición é a base de panel sandwich, composto por chapa de aceiro galvanizado de dúas caras. A intervención, ademais de mellorar as condicións de estanquidade do inmoble, proporcionará un mellor grao de illamento térmico, así como a substitución dos elementos de recollida de auga, canlóns e baixantes. O proxecto contempla tamén o acondicionamento interior do baixo cuberta. “Estes traballos supuxeron un investimento de máis de 197.000 euros e atopábanse como prioritarias dentro dos proxectos a executar pola Xefatura Territorial de Cultura e Educación”, matizou o responsable da Xunta en Pontevedra.

Ademais destas obras, a Xefatura Territorial de Cultura e Educación leva acometidas nos últimos anos outras melloras no centro como son a instalación do contador do caudal do gasóleo, a reposición de falsos teitos e a reforma da instalación de calefacción.

Cores Tourís destacou así mesmo que nos últimos anos lévanse realizado diversas obras de mellora e reforma nos centros de Primaria e Secundaria que roldan os 370.000 euros, aos que agora haberá que sumar a presente obra, é dicir, 197.000 euros máis, “o que, xunto a gastos extraordinarios enviados aos colexios fai que esteamos a falar de máis de 600.000 euros destinados a mellorar os centros educativos de Poio”.

A Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo para o próximo curso na mellora dos centros educativos da provincia de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e case 700.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns douscentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís.

Finalmente o delegado territorial destacou a colaboración por parte da Deputación de Pontevedra no eido da educación, “esperamos seguir contando coa súa colaboración e que a nova corporación se implique tanto como a do anterior presidente, Rafael Louzán. Desexamos que a nova presidenta, Carmela Silva, siga a colaborar coa Xunta de Galicia e cos concellos na mellora dos centros educativos” engadiu.

3 de setembro de 2015 | 13:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.