Cores Tourís supervisa a reforma da fachada e da cuberta do CEIP da Lama
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello da Lama para analizar co alcalde do municipio, Jorge Canda, as obras de execución de mellora da fachada e da cuberta do CEIP do municipio e que están previstas para o inicio do curso en setembro. Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde analizaron as necesidades deste centro en compaña do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.
A obra permitiu atallar os problemas de filtracións de auga que estaba a sufrir o edificio a causa do paso do tempo e da climatoloxía. Segundo o informe técnico, as filtracións son especialmente notables no interior a causa de que os canos non teñen as dimensións axeitadas as trombas fortes de auga, provocando non só problemas á comunidade educativa senón tamén menoscabando a durabilidade da caldeira de calefacción. Tamén foi necesario arranxar os paramentos verticais selados con telas asfálticas e que presentaban desprendementos e fisuras.
A solución foi instalar caños de chapa de aceiro galvanizado así como unha cuberta de panel sandwich, forrándose tamén os paramentos verticais da fachada suroeste. “Deste xeito, mellorouse o peche a cuberta dun patio de 150 metros cadrados e do ximnasio que ten unha dimensión similar”, explicou Cores Tourís.
“Estes traballos supuxeron un investimento de algo máis de 65.000 euros entre o aportado polo concello e pola Xunta de Galicia e atopábanse como prioritarias dentro dos proxectos a executar pola Xefatura Territorial de Cultura e Educación”, matizou o responsable da Xunta en Pontevedra.
Ademais destas obras, a Xefatura Territorial de Cultura e Educación leva acometidas nos últimos anos outras melloras no centro como o pulido da terraza, varias reparacións anteriores da cuberta e a reposición da tarima por un montante que rolda los 100.000 euros.
De feito, o delegado territorial destacou que a obra que hoxe comprobaron forma parte dun conxunto de melloras nos centros educativos que veñen a demostrar que a Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo para o próximo curso na mellora dos colexios e institutos da provincia de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e case 700.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns douscentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís.