publicidade hoxe

Cores Tourís comproba o inicio da vendima na comarca de Caldas de Reis cunha visita a adega Lagar da Condesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de Reis
A-
A+
Cores Tourís na visita á adega Lagar da Condesa

Cores Tourís na visita á adega Lagar da Condesa

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta tarde a adega Lagar da Condesa, situada no concello de Caldas de Reis, en compaña do xefe territorial de Medio rural e Mar, Miguel Dubois, co obxectivo de comprobar o arranque da vendima nesta comarca dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas.

“O obxectivo desta visita”, engadiu o delegado territorial, “é estar en contacto cos viticultores e bodegueiros para coñecer o seu sentir nesta vendima na que, se estima, vanse recoller, segundo os últimos estudos realizados polo Consello Regulador, entre 32 e 34 millóns de quilos de uva en toda a denominación de orixe”.

José Manuel Cores Tourís incidiu no apoio aos viticultores por parte da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural e do Mar. Deste xeito, destinouse case medio millón de euros este ano para os plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia. “Na denominación de orixe Rías Baixas estes plans permitirán mellorar 32 hectáreas, cunhas axudas que roldarán os 271.256 euros, é dicir, case o 60% do total aportado para a comunidade autónoma”, explicou o delegado territorial.

Lagar da Condesa foi fundada en 2007 co obxectivo de producir e comercializar viño amparado pola Denominación de Orixe Rías Baixas. Conta cunha plantación de albariño xunto á adega, situada en Arcos da Condesa. Tamén adquire uva a viticultores da zona.

Na actualidade pertence ao grupo Gil Family States S.L., conformado por varias empresas. Contan con cerca de 70 traballadores e o seu volume de negocio supera os 37,3 millóns de euros, presentando un balance de case 98,6 millóns. En Caldas de Reis, a compañía conta con 7 traballadores e logrou un balance de 2,2 millóns de euros en 2013.

Na anterior campaña procesaron cerca de 167.000 quilos de uva albariña, tanto propia coma comprada, e adquiriron uns 32.000 litros de viño a distintas adegas da zona. Deste xeito, lograron elaborar 135.540 litros en 2014, comercializando as marcas Lagar da Condesa e Vía XIX.

O delegado territorial aproveitou a visita a esta empresa para recordar a importancia do sector vitivinícola, non só para a provincia de Pontevedra senón tamén en toda Galicia. “O futuro da nosa comunidade autónoma”, afirmou, “pasa por apostar polos sectores con maior puxanza económica como, neste caso, é o vitivinícola”.

15 de setembro de 2015 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.