publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as obras dun muro de contención do pavillón polideportivo do CEIP A Laxe de Marín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+
Cores Tourís en Marín

Cores Tourís en Marín

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Marín para analizar coa alcaldesa do municipio, María Ramallo, as obras de execución dun muro de contención do pavillón polideportivo do CEIP A Laxe e que están previstas para o inicio do curso en setembro.

Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde analizaron as necesidades deste centro en compaña do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.

A obra supón a execución de dito muro de contención que circunda o pavillón polideportivo, así como o reforzo dunha das zapatas de cimentación afectada pola canle dun regato, en especial tralas riadas do pasado mes de maio. “Estes traballos supuxeron un investimento de case 30.000 euros e atopábanse como prioritarias dentro dos proxectos a executar pola Xefatura Territorial de Cultura e Educación”, matizou o responsable da Xunta en Pontevedra.

Ademais destas obras, a Xefatura Territorial de Cultura e Educación leva acometidas nos últimos anos outras melloras no centro como son melloras na cuberta da pista polideportiva por case 100.000 euros; a substitución da carpintería exterior; a reforma dos vestiarios do pavillón por 181.000 euros; e a reforma da instalación eléctrica do centro no que se investiron outros 25.000 euros.

Cores Tourís destacou así mesmo que nos últimos anos lévanse realizado diversas obras de mellora e reforma nesta localidade, na cal levan investido máis de 760.000 euros a administración autonómica entre os centros de Primaria e os de Secundaria.

De feito, o delegado territorial destacou que a obra que hoxe comprobaron forma parte dun conxunto de melloras nos centros educativos que veñen a demostrar que a Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo para o próximo curso na mellora dos colexios e institutos da provincia de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e case 700.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns douscentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís.

Finalmente o delegado territorial destacou a colaboración por parte da Deputación de Pontevedra no eido da educación, “esperamos seguir contando coa súa colaboración e que a nova corporación se implique tanto como a do anterior presidente, Rafael Louzán. Desexamos que a nova presidenta, Carmela Silva, siga a colaborar coa Xunta de Galicia e cos concellos na mellora dos centros educativos” engadiu.

2 de setembro de 2015 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.