publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as obras da cuberta de enlace entre os dous edificios do colexio Manuel Villar Paramá da Estrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+
Cores Tourís na visita ao centro educativo

Cores Tourís na visita ao centro educativo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de A Estrada para analizar co alcalde do municipio, José López Campos, as obras de execución dunha cuberta pasarela entre os dous bloques de edificios que conforman o CEIP Manuel Villar Paramá e que están previstas para o inicio do curso en setembro.

Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde analizaron as necesidades deste centro en compaña do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.

A obra supón construción dunha cuberta-pasarela tipo sandwich que permite unir los dos bloques que conforman este colexio. “Estes traballos, executados polo concello dentro do acordo firmado entre Xunta, Deputación e administracións locais, permitirán aos mais pequenos mellorar a súa seguridade, especialmente nos meses máis chuviosos”, matizou o responsable da Xunta en Pontevedra.

Ademais destas obras, neste concello tamén se están a executar melloras nos colexios de Oca e Figueroa. No primeiro, o concello pintou unha aula de Infantil e cambiou os mobles do comedor, acondicionando tamén o xardín. No caso do CEIP de Figueroa, a obra permitiu executar melloras nos baños do centro, traballos dos que se encargou a Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra o pasado mes de xuño.

Neste mesmo colexio, a Xunta tamén levou a cabo a reforma da cuberta, mentres que en Codeseda executouse a mellora de pilares e aleros. No Pérez Viondi executouse a rampa de acceso a discapacitados e púxose a punto a caldeira.

Ademais, nos últimos anos, tamén se levaron a cabo melloras no IES Antón Losada Diéguez, onde se mellorou a distribución de auga, os arranxos dos vestiarios e a caldeira, así como no IES número 1, onde se melloraron os patios exteriores e se executaron diversas obras de mantemento.

“En total, a administración autonómica investiu 120.000 euros en diversas obras nos colexios de Primaria e Secundaria da localidade nos últimos meses”, explicou Cores Tourís, quen aproveitou para recordar que o investimento nos centros educativos de A Estrada dende 2009 superou os 2,7 millóns de euros. “De feito”, explicou o delegado territorial, “neste centro onde agora nos atopamos, o Manuel Villar Paramá, xa se executaron outras obras recentemente como a reposición do peche e da cuberta, por case 80.000 euros ou a reforma da instalación da calefacción onde ao que se destinaron outros 46.000”.

A Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo para o próximo curso na mellora dos centros educativos da provincia de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e case 700.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns douscentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís.

Finalmente o delegado territorial destacou a colaboración por parte da Deputación de Pontevedra no eido da educación, “esperamos seguir contando coa súa colaboración e que a nova corporación se implique tanto como a do anterior presidente, Rafael Louzán. Desexamos que a nova presidenta, Carmela Silva, siga a colaborar coa Xunta de Galicia e cos concellos na mellora dos centros educativos” engadiu.

2 de setembro de 2015 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.