Cores Tourís comproba a reparación da cuberta do CEIP A Sangriña da Guarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+
Cores Tourís na visita ao Concello da Guarda

Cores Tourís na visita ao Concello da Guarda

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello da Guarda para analizar co alcalde do municipio, Antonio Lomba, as obras de reparación da cuberta que se están a realizar no CEIP de A Sangriña e que están previstas para o inicio do curso en setembro. Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde analizaron as necesidades deste centro en compaña do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.

A obra supón a reparación da cuberta do centro que era unha demanda urxente da comunidade educativa. Esta cuberta se atopa situada no patio interior do centro e presentaba un deficiente estado xa que a oxidación fixo que a cubrición do patio cuberto se atopara inservible e incluso con risco de caída polos refachos de vento. Así, estase levando a cabo o cambiado das pranchas metálicas e o pintado da subestrutura. De feito, a cuberta actual está a ser substituída por outra de chapa de aceiro prelacada e os soportes están a ser reparados. “Estes traballos supuxeron un investimento de máis de 30.000 euros, aos que hai que sumar a reforma da instalación eléctrica, a reforma dos cuartos de aseos do primeiro andar, polo que o investimento no centro nos últimos meses acadou os 90.000 euros”, engadiu o delegado territorial.

Cores Tourís destacou así mesmo que nos últimos anos lévanse realizado diversas obras de mellora e reforma nos centros de Primaria e Secundaria de A Guarda, onde se investiron case 700.000 euros. “Os catro centros educativos do municipio contan xa coa reforma eléctrica efectuada en todos eles, o que garante unha mellora da calidade do servizo que se lle da a comunidade educativa”, engadiu o delegado territorial.

A Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo para o próximo curso na mellora dos centros educativos da provincia de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e case 700.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns douscentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís.

Finalmente o delegado territorial destacou a colaboración por parte da Deputación de Pontevedra no eido da educación, “esperamos seguir contando coa súa colaboración e que a nova corporación se implique tanto como a do anterior presidente, Rafael Louzán. Desexamos que a nova presidenta, Carmela Silva, siga a colaborar coa Xunta de Galicia e cos concellos na mellora dos centros educativos” engadiu.

3 de setembro de 2015 | 12:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.