Convócase un concurso de deseño gráfico para elaborar a imaxe de marca do Pan de Lalín
O Concello de Lalín ten previsto convocar un concurso de deseño gráfico para definir a imaxe de marca do pan de Lalín. A iniciativa irá destinada a deseñadores gráficos do noso concello e poderá facerse extensible aos alumnos e alumnas dos centros educativos. O obxectivo é premiar o deseño que mellor represente as características peculiares do pan de Lalín para que pase a ser un elemento habitual e recoñecible nas panaderías do concello. Ese deseño iría incluído nas bolsas nas que se reparte o pan, nos escaparates dos establecementos e en calquera produto de mercadotecnia que teñan os panadeiros.
Desta maneira o Concello pretende dar xa un primeiro e importante paso dentro do proceso para poñer en valor o pan de Lalín. Este tradicional produto non só forma parte da tradición gastronómica da vila pola súa calidade e o seu recoñecemento, senón tamén da tradición cultural, xa que en tempos a bola de pan era o premio que se establecía nas competicións de regueifa.
Agora, a intención do Goberno municipal é volver a xuntar pan e regueifa para poñer en valor o produto gastronómico, dotalo dunha marca propia e avanzar así na posible consecución, a medio prazo, dunha Denominación de Orixe. Neste ambicioso proxecto contarase coa participación e a opinión dos panadeiros da vila, aos que se convocará a unha reunión que terá lugar en próximos días.
O obxectivo é que o Concello e os representantes do sector vaian da man á hora de definir a estratexia e programar as accións necesarias para potenciar o pan de Lalín como produto de elevada calidade e con características que o diferencian do que hai noutras zonas de Galicia.
Dentro das actividades que se van organizar para visibilizar o papel do pan de Lalín, o Concello ten previsto desenvolver un festival de Regueifas. As regueifas son competicións de enxeño, cantadas e cun toque de humor, nas que dúas persoas rivalizan en destreza verbal e dialéctica botando sempre man da retranca. Tradicionalmente, o premio que se daba á persoa que gañaba a competición da regueifa era unha bola de pan, galardón que tamén se empregará no festival que ten previsto organizar o Concello.











