Continúa custodiada no hospital, á espera de pasar a disposición xudicial, a nai do bebé morto en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A nai do bebé falecido este luns nun hotel da cidade de Santiago, detida en relación ao caso, permanece aínda custodiada no hospital á espera de pasar a disposición xudicial cando o seu estado o permita. Segundo confirmaron fontes consultadas, a muller permanece aínda na unidade de agudos do Hospital Gil Casares, en Santiago, onde foi trasladada en estado de shock despois dos feitos e está custodiada á espera de que o seu estado permita a súa declaración ante a xuíza que investiga o caso.

A morte da nena, de seis meses, produciuse na tarde do luns, cando a nai se atopaba soa coa súa filla nun establecemento hoteleiro compostelán, cidade á que se desprazou para acudir a un congreso gnóstico. O pai, co que mantivo unha discusión momentos antes, atopábase na Catedral de Santiago no momento dos feitos, segundo narrou o mesmo aos medios de comunicación.

O informe preliminar da autopsia, realizada polo Imelga, confirma que a morte non se produciu de forma natural nin accidental e atribúe o falecemento a asfixia mecánica. A nai, que foi trasladada ao hospital en estado de shock o mesmo día dos feitos, está detida e impútaselle un delito de homicidio, aínda que o seu estado de saúde aínda non lle permitiu comparecer ante a maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago, Ana López Suevos.

FISCALÍA, Á ESPERA

Pola súa banda, a Fiscalía decidiu esperar á declaración da nai do bebé para valorar a pertinencia de solicitar novas dilixencias en relación a esta causa. Fontes da Fiscalía sinalaron que o Ministerio Fiscal traballa coa xuíza e considera “o máis importante” a declaración da nai do bebé, que está supeditada ás circunstancias médicas. López Suevos xa tomou declaración este mércores a catro testemuñas relacionadas cos feitos.

3 de setembro de 2015 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.