Condenan a dous anos e medio de prisión a un home que apuñalou á súa nai na Coruña
Un home que apuñalou á súa nai en setembro de 2014 na cidade da Coruña foi condenado a dous anos e medio de prisión, tras chegar a unha conformidade coa Fiscalía, que rebaixou a súa petición inicial de cinco anos. Así, o xuízo por asasinato en grao de tentativa que estaba previsto para este mércores na Audiencia Provincial da Coruña non se chegou a celebrar ao alcanzar un acordo co Ministerio Público.
Segundo indicou o fiscal, o home atravesaba unha “situación de tensión” que dificultaba as súas facultades. Por iso, ademais das agravantes de aleivosía e parentesco, tivéronse en conta as atenuantes de arrebato e reparación do dano.
Os feitos, segundo o escrito da Fiscalía, ocorreron o 11 de setembro de 2014 nun piso da Coruña onde o acusado convivía coa súa nai.
Alí, o home, “enoxado” coa súa nai por non darlle diñeiro, dirixiuse cara á cociña “con intención de atentar contra a vida da súa nai, e aproveitando conscientemente que a mesma se achaba situada de costas, asestoulle, de maneira súbita e inesperada, un golpe cun coitelo tipo xamoneiro”.











