Conde destaca o potencial da enxeñería e a enerxía para fortalecer a colaboración con México
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe o potencial dos sectores da enxeñería, o transporte e a enerxía como pancas para fortalecer a alianza entre México e Galicia, “unha relación que vai máis aló dunha alianza estratéxica, e que se está consolidando como a unión de dous mercados irmáns”. Conde participou nas Xornadas Técnicas de Infraestruturas do Transporte e Enerxía México-España, organizadas por Ageinco na Cámara de Comercio de Vigo, e que contaron coa presenza de varios directivos públicos mexicanos.
Durante o encontro, Conde resaltou a intensificación dos intercambios comerciais co país americano, apuntando que nos últimos 3 anos as exportacións galegas a México creceron máis dun 40% e o número de compañías que fan negocios nese país subiu un 12% ata superar as 400 empresas; de forma paralela, indicou, o número de empresas importadoras creceu un 15% ata superar as 200.
Nunha relación “baseada na confianza, na seriedade, nuns valores compartidos e na convicción de que un mercado aberto é a mellor maneira de crecer”, Conde resaltou o crecente papel que están a ter a enerxía, as enxeñerías e as consultorías. No ámbito da enxeñería, o conselleiro destacou que Galicia conta cun sector asentado e competitivo que move unha cifra de negocio anual próxima aos 500 millóns de euros, e que “atopou en México un socio de primeiro nivel”.
Neste senso, lembrou o memorando asinado entre a Xunta e a Secretaría de Desenvolvemento Agrario, Territorial e Urbano de México (Sedatu) no que colabora Ageinco, e que supón achegar oportunidades de negocio ás empresas galegas no país americano en ámbitos como a eficiencia enerxética, a construción de vivenda ou o saneamento. Ademais, Conde puxo o foco sobre os proxectos de primeiro nivel nos que están a participar empresas galegas en México, como o estudo para a construción dun porto deportivo e praias a Baixa California; acuedutos como o que unirá San Luís de Potosí e a presa do Realito; ou o Parque tecnolóxico de Ciencias da Vida.
Esa colaboración é tamén cada vez máis forte no ámbito da enerxía. Neste senso, Conde referiuse a México como un dos provedores clave de hidrocarburos para Galicia, pero resaltou a importancia da colaboración “que mantemos en ámbitos como as enerxías renovables ou a eficiencia enerxética”.
Así, Conde sinalou o potencial enerxético galego para abordar proxectos en México a partir dun amplo potencial “armado sobre unha importante aposta sobre ámbitos como o GNL”, no que Galicia está a desenvolver un hub que permitirá o abastecemento a buques, o impulso á innovación e a distribución deste combustible por todo o territorio; así como no eólico, dixo, sendo a terceira comunidade autónoma con máis potencia instalada; e a eficiencia enerxética, “desenvolvendo un know-how de primeiro nivel”.
É precisamente no ámbito da eficiencia enerxética e as renovables onde Galicia e México asentaron os seus primeiros contactos, dixo Conde, ao redor de ámbitos como a certificación enerxética de vivendas, a vivenda bioclimática, ou a enerxía xeotérmica.











