Conde destaca a aposta de Selmark pola innovación que a sitúa como un referente do téxtil galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Francisco Conde na visita a Selmark

Francisco Conde na visita a Selmark

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que a empresa viguesa do téxtil Selmark, que está a celebrar o seu 40 aniversario, é hoxe un referente recoñecido pola súa calidade, asentada nun permanente proceso de evolución tecnolóxica e na combinación de tradición e innovación.

Conde salientou o constante esforzo pola mellora nos procesos e nos produtos da empresa, que factura 20 millóns de euros ao ano e emprega a máis de 100 persoas. A compañía, que conta cun departamento propio de enxeñaría, está a apostar pola innovación a través da incorporación de novos equipos de produción e melloras nas instalacións; a automatización en eidos como o control de calidade ou os procesos prevenda; e a colaboración con diferentes centros de coñecemento.

Neste eido, o conselleiro, que felicitou tanto á directiva como aos traballadores polo 40 aniversario, resaltou a participación de Selmark nos programas impulsados pola Xunta Innterconecta e Conecta Pemes, nos que a compañía viguesa está a participar en dous proxectos que teñen mobilizado 2,3 millóns de euros e que lle están a permitir o desenvolvemento de novas tecnoloxías.

No caso do Innterconecta, Selmark está a colaborar con outras empresas ademais de Aimen e a Universidade de Vigo nun sistema flexible de corte por láser; mentres que no caso do Conecta Pemes, a empresa forma parte dun consorcio no que varias compañías e a Universidade de Vigo cooperan para o desenvolvemento de produtos personalizados centrados en afectadas por cáncer de mama.

Tal e como resaltou Francisco Conde, esta aposta polo deseño e por dar resposta e adiantarse ás demandas do mercado achegando un produto de calidade é fundamental tanto para que a compañía manteña a súa produción en Galicia como para a expansión internacional de Selmark, que exporta máis do 30% da súa produción a máis de 30 países.

7 de setembro de 2015 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.