Conciliatardes comeza a impartirse o xoves con nova concesionaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Áera de Servizos Sociais da Concellería de Benestar por en marcha o xoves unha nova edición do programa Conciliatardes-Tardes coa Infancia que este curso cambia de concesionaria. A Xunta de Goberno Local adxudicou o servizo á firma Ágora Aberta que será a encargada de prestar o servizo dende o 1 de outubro ata finais de xuño de 2016. Un total de 35 nenos e nenas de idades comprendidas entre o 3 e os 8 anos foron admitidos no programa segundo as bases que rexen o servizo.

O Conciliatardes ten como obxectivo facilitar a vida familiar, persoal e laboral das familias con fillos menores que non teñen clase pola tarde e que non teñen quen dea conta deles mentres os pais traballan. O servizo desenvolverase no Centro de Formación de Matosinhos, de luns a venres, en horario de 15:30 a 21:00 horas, podéndose solicitar a xornada parcial ou completa, en función das necesidades de cada familia. De feito, 27 dos usuarios optaron pola xornada completa mentres que os 8 restantes elixiron a modalidade da xornada partida.

O cronograma diario inclúe un tempo de xogo libre ao inicio e ao remata da xornada, coincidindo co horario de chegada e recollida dos nenos. A primeira actividade será de animación á lectura, contacontos para o máis cativos e apoio educativo e técnicas de estudos para os alumnos de Primaria. De cinco e media a sei e media será o tempo da merenda e tamén de xogo libre, para continuar cos obradoiros temáticos e unha hora máis de xogo dirixido.

O proxecto presentado por Ágora Aberta desenvolverá ao longo do curso unha serie de actividades diversas collendo como punto de partidas as culturas celta, vikinga e medieval. O que se trata é de que os nenos coñezan as características principais de cada unha delas e o xeito de vivir das súas xentes para, aproveitando o atractivo que poden ter para os cativos estas manifestacións culturais, para traballar outros aspectos como a identidade de grupo, a personalidade, a tolerancia a comunicación, a cooperación, a resolución de conflitos ou a expresión emocional positiva. Partindo de exemplos en positivo ou en negativo, tamén se lles introducirán nas actividades de xeito transversal os valores de igualdade e coeducación.

Os bloques temáticos desenvolveranse a través dos obradoiros e os xogos dirixidos e servirán tamén para dar a coñecer aos cativos un pouquiño máis da historia e a actualidade de Vilagarcía, das súas lendas e tradicións oral…

Como actividades complementarias haberá saídas culturais, visitas de diferentes profesionais que compartirán a súa experiencia cos nenos e farán actividades, e tamén se realizarán actividades sinaladas como as celebracións de Días Mundiais.

Por último, Ágora Aberta tamén impartir5á sesións formativas aos pais e nais sobre temáticas de intereses relacionadas coa educación e comunicación cons seus fillos.

29 de setembro de 2015 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.