Concello de Carballo e a Deputación da Coruña chegan a acordo para facer posible o proxecto de mellora da travesía de Sísamo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
O alcalde de Carballo na visita á travesía de Sísamo

O alcalde de Carballo na visita á travesía de Sísamo

O Concello e a Deputación da Coruña achegan posturas para facer posible a mellora da travesía de Sísamo da capital municipal, a DP-1901. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e o Deputado provincial de lnfraestruturas Viarias, Vías e Obras e Medio Ambiente, José Manuel Pequeño, veñen de manter unha xuntanza na Casa do Concello, cunha posterior visita á contorna da rúa, na que se abordou o proxecto de mellora, nomeadamente no treito da Avenida das Flores. Esta actuación leva paralizada dende o ano 2010, cando fora adxudicada e o contrato formalizado coa empresa que gañou o concurso.

Non obstante, o proxecto non cumpría con todos os requisitos recollidos na normativa municipal e tiveron que realizarse varias modificacións que a empresa adxudicataria non aceptou. A consecuencia do desacordo, formalizouse a rescisión do contrato sen que os traballos tivesen sequera comezado. A administración local elaborou a posteriori un proxecto realizado pola Oficina Técnica Municipal no que sen mantén o mesmo orzamento orixinal por un importe de 418.420 euros e que se presentou en 2014 ante o anterior presidente da Deputación, Diego Calvo, sen conseguir que se emprendesen as obras.

Esta primeira fase suporía a mellora do firme e a dotación de servizos no treito da Avenida das Flores que transcorre entre a Rúa Fábrica (á altura do mural do “mergullador”) e a rúa Papoulas da capital municipal. Unha vez rematadas as obras, e segundo se fose avanzando no acondicionamento da vía, os treitos pasarían a ser de titularidade municipal. Nesta ocasión, parece que o acordo entre ambas administracións permitirá a realización das obras.

O proxecto completo de acondicionamento incluiría, non só a execución desta primeira fase, senón de treitos sucesivos ata que a travesía ao completo pasase a estar xestionada pola administración local. A xuntanza contou coa presenza dun técnico do organismo provincial, así como do Concelleiro de Obras, Luís Lamas, a Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, e o deputado provincial e Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. Ademais de formularlle a mellora da travesía de Sísamo, unha das actuacións que se consideran máis urxentes, a reunión tamén serviu para solicitar outras melloras, nomeadamente en relación á seguridade viaria na estrada de Carballo a Razo en dous puntos: á altura dos accesos ao IES Parga Pondal e tamén á altura da parroquia de Oza.

No primeiro caso, pola elevada intensidade de circulación de peóns a certas horas, especialmente á entrada e saída das clases durante o período lectivo; no segundo nos lugares de As Encrucilladas e As Torres co obxectivo de reducir a alta siniestralidade viaria que se produce nese tramo. A reunión transcorreu nun ambiente cordial e de colaboración entre as dúas administracións.

22 de setembro de 2015 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.