Concello, Cruz Vermella e Cáritas poñen os seus medios en común para acoller refuxiados sirios
A concelleira de Servizos Sociais, Tania García, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo cos directivos e técnicos de Cáritas Interparroquial de Arousa e Cruz Vermella a efectos de organizar a acollida de refuxiados sirios. Esta primeira reunión serviu para poñer en común os medios cos que cada entidade pode contribuír á causa humanitaria á que se sumou Vilagarcía proclamándose Cidade de Acollida para os súbitos sirios que foxen cara Europa dos conflitos bélicos que existen no se país.
García Sanmartín explicou que tanto o Concello como cada unha das entidades expuxeron os recursos cos que contan para organizar a acollida. O obxecto desta posta en común é tratar de rendabilizar os medios dispoñibles para ofrecer unha atención rápida e integral ás persoas que poidan chegar a Vilagarcía, tan pronto como o Estado poña en marcha o protocolo de acollida.
Enre outros aspectos, definíronse as posibles vías de colaboración e reforzo ás medidas que tomará o Concello, como labores de apoio para impartir clases de español, acompañamento á realización de trámites, acompañamento á escolarización e similares.
Este aspecto completa a axuda que prestará o Concello, que se encargará de poñer a disposición dos refuxiados as súas axudas económicas e todos os seus servizos e programas a efectos de cubrir todas as súas necesidades básicas e que acaden canto antes a completa integración socio laboral e cultural.
Tal como xa se lle avanzou á FEMP e á FEGAM a pasada semana, o Concello xa dispón dun piso amoblado no que se pode aloxar unha familia completa de cinco ou seis membros. A administración local contribuirá tamén coas axudas de emerxencia para a manutención e cobertura de gastos de primeira necesidades destas persoas e porá a súa disposición outros recursos municipais como asistencia xurídica e psicolóxica, atención social e asesoramento ou asistencia en trámites administrativos. Ademais, a efectos de que poidan atopar traballo o Concello tamén lles ofrecerá orientación e intermediación para a formación e inserción laboral a través do Dife.
O de hoxe foi o primeiro dos encontros que manterá o Concello ea s dúas entidades sociais para planificar o sistema dea collida que se aplicará en Vilagarcía, tan pronto como o Goberno do Estado dea luz verde ao proceso que se está negociando no marco da UE. García Sanmartín confía en que isto “aconteza pronto, xa que a situación que se está a vivir nas fronteira sé moi dramática e inhumana”. Neste sentido, apuntou que o Ministerio aínda non articulou o protocolo que seguirá para organizar a acollida de refuxiados en España e que se derivaría aos municipios a través da FEMP. Neste punto, a concelleira socialista confía en que o proceso collerá pulo a partir da renovación da dirección da Federación Española de Municipios a pasada fin de semana.
A responsable de Benestar Social explicou que tanto dende o Concello como dende Cáritas e Cruz Vermella coincídese na necesidade de que o Estado aclare previamente e sen lugar a dúbidas o procedemento de tramitación dos documentos para legalizar a situacións en España dos acollidos. Ademais, os tres organismos consideran imprescindible que se lles garanta o dereito á asistencia sanitaria gratuíta.
A solidariedade dos veciños, un exemplo para os Estados
Por outro lado, o Concello tamén trata de coordinar a solidariedade dos vilagarciáns. Xa ten en marcha un rexistro de persoas que ofrecen diferente tipo de colaboración (acompañamentos, clases, incluso aloxamento) e mesmo de entidades como o Club de Fútbol San Martín abre os adestramentos nos seus equipos aos refuxiados a efectos de facerlles máis acolledora e fácil a súa estancia. Hoxe mesmo, un cidadán acudiu a Ravella a poñer a disposición do Concello unha casa de 4 habitacións para a aloxar a refuxiados sirios. Tania García agradece as numerosas mostras de solidariedade que os vilagarciáns están amosando “e que son todo un exemplo de humanidade que administracións e estados deberían imitar”.











