Comisións Obreiras denuncia falta de limpeza nas instalacións do novo hospital de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Europa Press

CC.OO. denuncia a “falta de limpeza” nas instalacións do novo hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro, situación que argumentan con fotografías remitidas nas que se poden observar bolsas de lixo acumuladas. “O novo hospital, aínda coas últimas noticias da existencia de ratos e con denuncias previas feitas pola representación sindical e polos traballadores, a nova concesionaria privada incumpre a lexislación vixente en materia de xestión de residuos”, apunta o sindicato nunha nota enviada aos medios.

Así mesmo, tamén denuncian que este martes, no que a concesionaria empezou os seus servizos de lenzaría dos centros sanitarios, “houbo demasiadas incidencias”, como a “descobertura de distribución de roupa para plantas”.

Ademais, indicou que os profesionais tiveron que esperar polos uniformes fóra do novo hospital e que a repartición o fixo unha xefe de servizo do grupo B do Sergas, da que descoñecen se se adscribiu “voluntariamente” á concesionaria.

En canto á lavandaría “pública” do Meixoeiro, CC.OO. reclama información “real” do que “está a pasar” nela, porque este mércores tiveron “escasa roupa para lavar e planchar” nas súas instalacións, que “sempre foron 100 por cento rendibles”. Recorda, ademais, que o compromiso da dirección era que “non se ía pechar ata o 31 de outubro” e que “se”conservaba o equipo íntegro” ata esa data.

“Esiximos responsabilidades á xerencia e a todo o equipo directivo e á Xunta, por isto, e por querer abrir un novo hospital que non estaba en condicións aínda de recepcionar pacientes”, manifestou o sindicato.

2 de setembro de 2015 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.