publicidade hoxe

Comezan os preparativos para a celebración de Amodiña IV

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoaña
A-
A+

Esta semana ultímanse os detalles para a celebración da IV Pasarela de Moda do Comercio do Morrazo – AMODIÑA, con bo paso e a vista posta nunha fin de semana con boa predición do tempo.

En breve comezan os ensaios dos modelos seleccionados para esta edición. Esta mesma tarde é a quenda dos máis pequenos e das modelos de tallas grandes. Os 34 modelos infantís están convocados a asistir á praza de abastos de Moaña para ensaiar a coreografía dos seus pases entre as 18:00h e as 19:30h e no caso das modelos de tallas grandes a súa quenda é ás 20:30h.

Os 24 modelos adultos, masculinos e femininos, realizarán mañá xoves as probas de vestiario cos estilismos propostos polas tendas participantes, tentando que as combinacións luzan perfectas. Estes modelos terán o seu ensaio durante a mesma tarde do sábado a partir 14:30h.

O venres levarase a cabo a montaxe de toda a infraestrutura da pasarela e carpas para vestiario, así como a instalación de luz e son. Nesta edición a produción audiovisual cobra especial protagonismo coa instalación dunha pantalla xigante na que se proxectarán en directo os primeiros planos da pasarela, enfocando as prendas, calzado, complementos ou peiteados dos e das modelos.

Estará todo listo para que este Sábado 19 de setembro ás 21:00h, AMODIÑA sexa o gran escaparate da Moda do Morrazo, poñendo en valor e no lugar que merece ao comercio local. Como cada ano, será un espectáculo con actuacións en directo, a cargo de Rosa Cedrón coñecida pola súa traxectoria en “Luar na Lubre” e Boombox Escuela Urbana, que imparte danza en Cangas con clases en moi diferentes estilos. Esta edición será presentada por Carlos Blanco, recoñecido actor e director galego.

16 de setembro de 2015 | 20:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.