Comezan os estudos sobre o terreo para executar o saneamento na parroquia de Zobra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Medela na visita a Zobra

Medela na visita a Zobra

O concelleiro de Rural, Miguel Medela, acudiu esta semana á parroquia de Zobra,  acompañado do técnico municipal de obras no rural, para dar inicio aos estudos de viabilidade sobre o terreo para a execución do saneamento na localidade lalinense. Tal e como expresou o alcalde, Rafael Cuíña, a execución deste proxecto “é unha das actuacións máis ambiciosas e máis ilusionantes das proxectadas no marco dos plans municipais para a recuperación do rural”.

Cuíña chegou a cualificalo como “unha obsesión persoal” e fixo fincapé na singularidade da parroquia, de alto valor natural, ambiental e paisaxistico enmarcada en plena serra do Candán, e “no seu estado de absoluto abandono”, froito, segundo dixo, “de ser un lugar con poucos veciños e sobre todo, con poucos votos para o anterior goberno”.  Neste contexto o alcalde vese sorprendido polas constantes alusión do anterior Goberno do PP ao bo estado das infraestruturas no rural, ao tempo que escoita todos os días lamentos constantes dos veciños por todo o que se leva prometido durante tantos anos e nunca feito.

Miguel Medela e o técnico municipal fixeron un percorrido polos lugares de A Portela e Acevedo, estudando sobre a superficie as posibilidades máis factibles de execución do saneamento. As observacións leváronse a cabo de xeito coordinado cos veciños, cuxas propostas e suxestións foron escoitadas, co obxectivo de executar o proxecto da maneira máis eficaz e consensuada. 

Segundo explicou Medela, as reunións cos veciños serán constantes antes e durante o período de execución. Os propios habitantes da parroquia expresaron a súa “urxente necesidade de contar cun servizo de saneamento”. Trátase dunha vella reivindicación na zona que se verá cuberta grazas as actuacións municipais enfocadas a dotar de servizos dignos ao rural.

Os primeiros pasos realizados para comprobar a viabilidade do alcantarillado de Zobra consistiron en analizar e detallar os posibles puntos de verquido de cada vivenda que será conectada ao servizo. Tamén se examinou o terreo e o relevo da zona para establecer puntos nos que colocar os postos de depuración. Así mesmo, comprobouse a composición do solo nas zonas polas que poderían discorrer as tubaxes para ir coñecendo os modos nos que se deberán realizar as excavacións.

Tanto Miguel Medela como Rafael Cuíña son conscientes da complexidade que poden alcanzar os traballos, entre outras cuestións, debido ao complicado da orografía, ou aos sistemas de canalización de augas xa existentes, que poden dificultar a colocación de novos condutos nalgunhas zonas. De todos os xeitos, consideraron que todos os esforzos son necesarios para “dignificar unha parroquia que se pretende dinamizar ao máximo”

Por outra banda, Medela e os técnicos tamén acudiron á parroquia de Filgueira para analizar as posibilidades de conectar varias vivendas dos lugares de Cima do Alle, Baixo do Alle e Rivas Altas á rede de saneamento da parroquia, iniciativa que tamén se levará a Barcia e á Xesta.

11 de setembro de 2015 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.