Comezan as obras para a colocación das esculturas de Pepe Solla na praza Massó

Pepe Solla visita os traballos previos á colocación das esculturas
O Concello de Bueu comezou as obras de acondicionamento da parcela da praza Massó na que se van colocar dúas esculturas de Pepe Solla que o artista cedeu ao municipio. De feito, hoxe o escultor visitou as obras xunto ao concelleiro de obras e servizos, Fidel Castro. Agárdase que ao final desta semana se teña lista a estrutura de formigón sobre a que se van colocar as pezas cara mediados de mes.
A escultura inclúe 500 gravados polas catro caras dun bloque de pedra de tres metros de alto por cinco de largo, e que está sendo montado pola Escola de Canteiros de Pontevedra. Ademais, e como novidade, algúns mosaicos van ser pintados, segundo informou hoxe o artista, para que así teñan maior visibilidade. Solla dedicou dous anos ao seu deseño e decidiu obsequiar ao Concello con ese traballo como unha forma de agradecemento por darlle o seu nome ao paseo Agrelo-Portomaior. As pezas irán separadas en dous módulos para integrarse no entorno e que poidan ser vistas máis facilmente.
Solla, nado en Marín pero emigrado a Arxentina, xa doara outra das súas obras ao Concello buenense. En concreto foi un cadro pintado en 2005 baixo o título de “Porta da aldea”, un óleo de 73×84 centímetros. A pesar de estar lonxe de Galiza, Solla nunca perdeu o vínculo coa nosa comunidade, e pasa longas estancias en Bueu.











