Comeza no campus de Lugo o curso “Que facer coa terra que temos?”
Desde hoxe ata o vindeiro 4 de setembro, o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), situado no campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), acolleo curso de verán Que facer coa terra que temos? Desafíos da propiedade e uso da terra en Galicia.
O curso, organizado polo Laboratorio do Territorio co apoio das investigacións que levan realizando alumnos e docentes do Master Terra desde hai varios anos, aspira a crear un momento de reflexión que axude a definir un chisco mellor os desafíos da propiedade e dos usos da terra en Galicia, e cales poden ser os camiños da investigación-acción máis eficaces para enfrontarse a eles.
Os obxectivos do programa son basicamente tres. O primeiro, difundir entre a audiencia cales foron as principais direccións de cambio de uso na paisaxe de Galicia ao longo das últimas décadas e en que medida están asociadas á intensa especialización territorial, así como o conseguinte desequilibrio entre diferentes áreas da comunidade autónoma. Neste senso, interesa coñecer cales son as causas deste desequilibrio e cales poderían ser as súas consecuencias no medio prazo. En segundo lugar, reflexionar sobre o baixo nivel de aplicación que habitualmente teñen os instrumentos legais e tecnolóxicos creados para a xestión territorial en Galicia, discutir sobre as razóns desta baixa eficacia e propoñer posibles alternativas. O terceiro e último obxectivo é dar a coñecer algunhas das experiencias máis exitosas da sociedade civil, que se autoorganiza para mellorar a xestión territorial.
Continúa aberto o prazo de matrícula no Máster Terra
A USC mantén aberto, ata o vindeiro 17 de setembro, o prazo de inscrición en prazas vacantes na edición 2015-2016 do Máster en Xestión Sostible da Terra e do Territorio. Trátase dun título que está tendo moi boa acollida entre o alumnado pola súa adaptación ás necesidades reais e urxentes de deseñar novos modelos de xestión dos usos do solo adecuados ás características de cada espazo. Non en van, no programa inclúense contidos de carácter tecnolóxico, ambiental, de planificación e xestión, e de tipo social.
Un máster flexible
Desde o curso pasado, o Máster Terra pódese cursar de maneira telepresencial a través de videoconferencias que permiten asistir ás clases en tempo real e interactuar co resto de compañeiros desde calquera parte do mundo. Non obstante, as clases físicas terán lugar no Ibader e impartiranse de setembro de 2015 a xullo de 2016.
A USC valida este título con 60 créditos, que se obteñen ben durante un ano académico ben durante dous, se se escolle realizar este máster a tempo parcial.
As clases ofreceranse en galego e en castelán pero requírese un bo coñecemento do inglés para o seguimento de todas as actividades programadas, tales coma as presentacións de expertos internacionais.
As saídas
As persoas que fagan este máster terán opción a un contrato de investigación de 6 meses e acceso ao doutoramento específico (DoctoraTe), e poderán colaborar con institucións de distintos países, facer prácticas no exterior durante o período lectivo, formarse nas últimas tecnoloxías da información xeoespacial ou ver publicados os seus traballos de fin de máster.
Os interesados en formar parte da nova promoción deberán rexistrarse e solicitar a admisión na páxina da secretaría virtual da USC, cuxa ligazón se atopa na web oficial do máster, masterterra.usc.es.











