Comeza en Ourense a terceira tempada do ciclo musical ‘Enclave de Cámara’
A Concellería de Cultura do Concello de Ourense vén de presentar a terceira tempada do ciclo de música ‘Enclave de Cámara’, que desde o 30 de setembro até o 2 de xuño traerá ao Teatro Principal artistas internacionais procedentes de lugares como Estados Unidos, Reino Unido, Italia ou España. Cuartetos de corda, pianistas, tríos, sopranos e ensembles son algunhas das formacións de cámara que interpretarán, entre outras, obras do repertorio de Schumann, Beethoven, Chopin, Mozart, Haydn ou Bocherinni, estes dous últimos considerados pais da música de cámara. O Enclave de Cámara terá carácter mensual, celebrándose os primeiros xoves de cada mes.
“A actividade quere consolidarse como unha cita fixa na axenda cultural da cidade e, ao mesmo tempo, incorporar público doutros lugares”, afirmou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Quérese chegar ademais a un público máis xuvenil dada a importancia de concienciar as novas xeracións da participación cultural como eixo dinamizador da vida social da cidade. Así, “facilitaráselle a asistencia gratuíta aos escolares dos centros educativos e centros musicais”, anunciou a concelleira de Cultura, Belén Iglesias.
A primeira cita é este mércores 30 de setembro coa actuación da soprano Marta Mathéu acompañada do pianista Francisco Poyato, “un programa que xirará en torno ao amor e que estará chea de influencias da música de Enrique Granados”, segundo apuntou o experto musical Patrick Alfaya, asesor do Enclave de Cámara. Será ás 20:30 horas no Teatro Principal con entradas á venda desde os 5 aos 8 euros.
Na presentación do ciclo destacouse a colaboración entre institucións para engadir espazos culturais á oferta de lecer do cidadán de Ourense. A Deputación Provincial cede gratuitamente o Teatro Principal para o Enclave.
Máis actividades no Auditorio
A deste venres é a terceira presentación consecutiva das actividades culturais organizadas pola área de Belén Iglesias. Primeiro, as actividades infantís, que este domingo ás 12:00 horas presentan ’15 primaveras’, de Mamá Cabra, e despois as actividades do Auditorio para o público xeral, que acollerán o domingo desde as 19:30 horas o espectáculo de Goyo Jiménez ‘En verdad os digo’ -para o que xa non quedan entradas á venda-.











