Comeza a campaña de animación á lectura ‘Navegando entre libros’ cunha sesión de contapintacontos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

Bueu continúa coa súa actividade cultural, e  non podía ser doutro xeito que  animando aos máis pequenos a ler e a amar os libros. Así, desde mañá e ata o 15 de outubro haberá varias actividades destinadas a dinamizar o hábito da lectura entre os nosos pequenos e pequenas. As actividades están inseridas na campaña “Navegando entre libros”, posta en marcha polo Concello de Bueu, desenvolvida polo espazo Lobocoxo e na que colabora a Xunta de Galicia. Mañá inaugúrase a campaña cunha sesión de contapintacontos na biblioteca de Bueu ás 12 horas destinado para un público familiar. Esta sesión repetirase  na biblioteca de Beluso o 7 de outubro ás 18 horas, na biblioteca de Cela o 10 de outubro ás 12 horas, e de novo na biblioteca de Bueu o 15 ás 18 horas. Estas sesións terán unha unha duración dunha hora, e nelas o ilustrador Marc Taeger pintará mentres se len contos aos nenos e nenas. O obxectivo é combinar a pintura coa lectura e a escoita.

Segundo expresou Carlos Eirea, concelleiro de cultura, e Olalla González, de Lobocoxo, “pretendemos involucrar ás familias, e animar a ler nas bibliotecas, para que estas se movan xa que son lugares moi interesantes”. Seguindo co lema, Eirea aproveitou para declarar que con esta campaña “queremos pescar” a persoas que habitualmente non se achegan a estas actividades.

As actividades estrela serán os “Contos para bebés” e o Obradoiro de Ilustración con Luís Davila para os que se require de inscrición previa no correo lobocoxo@gmail.com xa que só hai 25 prazas. Os “Contos para bebés” terán lugar na Bebeteca de Bueu ás 12 horas do domingo 4 de outubro. Esta sesión terá unha duración de 30 minutos, e combinará a música, coas cancións populares e a recuperación da tradición oral.

E o domingo 8 de outubro ás 18 horas o ilustrador Luís Davila impartirá un Obradoiro de Ilustración destinado aos nenos e nenas de entre 9 e 12 anos,que consistirá nunha “pequena iniciación ao cómic, xa sexa nunha ou en varias viñetas”, segundo avanzou Luís Davila.

25 de setembro de 2015 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.