Clústers de seis países europeos participan nunha conferencia internacional en Santiago

Intervención de Javier Aguilera

Intervención de Javier Aguilera

O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe durante a súa intervención na inauguración da V Conferencia Internacional ATClusters que organiza o Igape en Santiago, conxuntamente co III Congreso nacional da Federación Nacional de Agrupaciones Empresariales Innovadoras y Clusters, o relevante labor que están a ter os clústers galegos no deseño e desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia- Industria 4.0 e na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 que está a impulsar a Xunta de Galicia.

Aguilera subliñou así mesmo o potencial da cooperación e as alianzas entre clústers de diferentes ámbitos de actividade e territorios para reforzar a competitividade sectorial e consolidar a internacionalización das empresas galegas. Segundo dixo, incrementar o peso da industria no PIB ata o 20% constitúe un ambicioso reto que será máis doado de conseguir da man dun tecido empresarial clusterizado.

A V Conferencia Internacional ATClusters comezou hoxe, contando coa presenza do director xeral de Industria y de la Pyme do Ministerio de Industria, Víctor Audera, e inclúe a participación de representantes de clústers de Italia, Portugal, Bélxica, Francia e Dinamarca, así como de Galicia e doutras comunidades de España que participarán en mesas redondas para afondar nas posibles vías de alianza e colaboración. 

Como exemplo dos avances que se están a acadar nesta materia, o director xeral do Igape referiuse á recente creación de Clusters Galicia, a rede que integra aos dez clústers galegos con recoñecementos europeos ou nacionais pola excelencia na súa xestión, e engadiu que o papel relevante dos clústers seguirá medrando na medida en que medre o seu nivel de excelencia como organizacións de impulso ao tecido empresarial e a súa rede de alianzas con otros clústers do mesmo territorio ou doutros países. 

Segundo o director do Igape, o traballo que os clústers galegos están a desenvolver durante os últimos anos, contando en todo momento co impulso da Xunta de Galicia, para encontrar novas liñas de negocio ou alianza para as empresas representadas, en ocasións mediante proxectos intersectoriais, deberá producir bos resultados durante os próximos anos. 

O encontro internacional, que converte Santiago na capital europea dos clústers, inclúe ademais unha mesa redonda sobre as políticas europeas, nacionais e rexionais nesta materia, contando con representantes da Unión Europea, do Ministerio de Industria e dos gobernos doutras rexións europeas, entre elas do País Vasco e de Galicia. 

A Xunta, a través da Consellería de Economía e Industria e do Igape, vén impulsando durante os últimos anos programas e iniciativas para reforzar os clústers galegos e para favorecer a colaboración entre eles promovendo as mellores prácticas, as alianzas e os proxectos de colaboración tanto a a nivel rexional, como nacional ou internacional.

10 de setembro de 2015 | 13:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.