Claudia Delso móstrase satisfeita co proceso de participación cidadá para delimitar os distritos da cidade
A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, fixo balance da primera semana de posta en marcha do proceso participativo de A Porta Aberta , que busca, desta volta, a opinión da veciñanza da cidade para delimitar os distintos distritos do municipio, unha división que será utilizada de cara á elaboración duns orzamentos participativos. A edil, destacou que nos sete primeiros días de reunións polos distintos barrios da cidade, “máis de 250 persoas participaron presencialmente” nesta primeira fase do proceso, que se iniciou o 22 de setembro e durará até o mes de decembro, cando se terán realizado xa un total de 27 xuntanzas.
“Nesta primeira semana de A Porta Aberta desenvolvéronse até oito encontros distintos, aos que se achegaron máis de 250 veciños e veciñas. Cumprimos moitos obxectivos, xa que, de media, ás xuntanzas acoden entre 20 e 50 persoas”, explicou Delso nunha rolda de prensa, na que destacou que a idade maioritaria dos participantes nos encontros presenciais está entre os 40 e os 50 anos. “A metodoloxía individual e colectiva posta en marcha para facilitar a colaboración e participación da cidadanía á hora de delimitar os distritos do Concello está funcionando moi ben. A veciñanza que está a participar amosa una actitude moi propositiva, compartindo moitas experiencias cos e cas demais”, explicou Delso, que destaca que o balance desta primeira semana de posta en marcha do proceso de A Porta Aberta é “moi satisfactorio”.
A concelleira manifestou que, non obstante, un dos retos pendente é conseguir que a poboación máis moza se achegue a estos procesos e, neste primeiro momento, a este relativo á delimitación de distritos. “Estamos facendo un esforzo neste sentido a través das Ampas para lograr a participación de máis mozos e mozas”, indicou, á vez que anunciou que a posibilidade de participar neste proceso de forma on line é xa unha realidade dende hoxe mesmo, a través da páxina web do Concello ( www.coruna.es/aportaaberta ).
Os encontros presenciais manteranse até o vindeiro 28 de outubro. Esta tarde, ás 18.00 horas continuarán no Centro Cívico de Monelos, e mañá, mércores 30, no Espazo Veciñal do Birloque e no Colexio de Arquitectos, á mesma hora. “É unha satisfacción para nós, a boa acollida deste proceso, sempre tendo en conta da situación de partida e de que a xente non está aínda acostumada a poder participar na toma de decisións. Estamos ensanchando os canais de comunicación do concello”, explicou Delso.











