Chegan aos xulgados as partes persoadas no caso Asunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

As partes persoadas na causa pola morte de Asunta Basterra chegaron á primeira hora deste martes aos xulgados de Santiago para iniciar a constitución do xurado popular que participará no proceso para esclarecer a morte da menor e cuxas vistas comezarán este mércores.

O primeiro en chegar ao edificio de Fontiñas foi o avogado defensor de Rosario Porto, José Luís Gutiérrez Aranguren, que entrou pasadas as 8.30 horas. O letrado, en declaracións aos medios, confiou en que “non haxa sorpresas” nesta xornada e lembrou que, ademais de rexeitar aos integrantes que teñan causas pendentes, cada parte poderá recusar “sen motivo” a catro candidatos.

A avogada defensora de Alfonso Basterra chegou ao redor das 9.20 horas e entrou nos xulgados sen facer declaracións, mentres que os representantes da acusación popular, exercida pola Asociación Clara Campoamor, chegaron minutos despois.

Á entrada, un dos letrados da acusación, Ricardo Pérez Lama, pediu “tempo” para analizar aos candidatos e rexeitou falar do proceso antes do seu inicio dada a súa transcendencia. “Xogámonos moito na formación do xurado”, sentenciou.

A esta xornada están convocadas unhas 25 persoas que optan a integrar o xurado popular, tras as renuncias rexistrada algúns dos candidatos, informou o TSXG. Nas entrevistas, as partes poderán recusar sen motivos até a catro persoas, así como aos que teñan causas pendentes que lles impidan participar no proceso. Os 11 integrantes finais -nove xurados e dous suplentes- elixiranse despois por sorteo.

29 de setembro de 2015 | 10:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.