César Mosquera asegura que a provincia deu un paso adiante na concienciación sobre a compostaxe coa expedición a Navarra
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, asegurou onte que a provincia ven de dar un paso adiante “irreversible” na súa concienciación para aplicar sistemas de compostaxe no tratamento do lixo. O nacionalista explicou que a viaxe a Navarra foi un éxito, xa que se converteu no xerme da concienciación dos concellos participantes para desenvolver políticas de xestión de residuos máis beneficiosas tanto económica como medioambientalmente.
Mosquera lembrou que foron 45 os alcaldes, concelleiros e técnicos que coñeceron in situ a aplicación de composteiros individuais, comunitarios e plantas de grandes dimensión e que son moitos os que queren levar adiante proxectos de forma inminente. “Isto non ten volta atrás. É un paso irreversible no camiño de que a provincia sexa referente no tratamento de residuos en Galicia. Dende a Deputación seguiremos en paso firme e decidido para apoiar a estes concellos e incluso aceleraremos a marcha se é preciso”, comprometeuse. “Con firmeza e determinación seguiremos dando pasos positivos de colaboración e apoio aos concellos -insistiu Mosquera-, xa que estes son os que teñen que tomar a iniciativa. A súa implicación é fundamental e agora é o momento de xestionar as expectativas “, dixo.
De feito, aqueles municipios que queiran aplicar a compostaxe como tratamento de lixo este ano co asesoramento da Deputación deberán presentar proxectos de intervención que serán valorados polos técnicos provinciais. O organismo provincial facilitará asesoramento, formación aos mestres composteiros, recursos para fomentar o coñecemento e a sensibilización da cidadanía, así como fondos económicos para a posta en marcha do sistema.
Mosquera anunciou a aprobación dunha modificación de crédito que estaría en marcha o vindeiro mes para poñer en marcha os primeiros proxectos de compostaxe na provincia. Puntualizou, sen embargo, que “non vai haber un reparto de fondos con alegría”, xa que “nós estamos dispostos a colaborar de tódolos xeitos, incluso a contratar e xestionar proxectos, pero non a suplir aos gobernos locais”.
O apoio económico, de feito, foi supeditado polo vicepresidente á implicación de cada concello, que deberá ser o que faga a proposta de qué tipo de composteiros quere aplicar, cal será a súa ubicación, quen se fará cargo da súa xestión e outros parámetros.
Capacidade sobrada
Pola súa banda, o asesor provincial de residuos, Carlos Pérez, explicou que o mellor residuo é o que non se produce e o seguinte aquel que non entra no circuíto (depositado nun contentor, trasladado nun camión e incinerado ou verquido nun lugar alonxado). Por este motivo apostou por un tratamento cercano no que o lixo, sobre todo o orgánico -restos de comidas e vexetais- sexa tratado no mesmo lugar onde se produce.
Pérez apuntou hai catro modelos e dimensións de plantas de compostaxe que son axeitadas para a provincia de Pontevedra, todas elas de pequenas dimensións e cunha mínima centralización. Así, aposta por que o máximo de tonelaxe que poidan tratar sexan 2.000 toneladas da fracción orgánica dos residuos municipais.
O experto tamén fixo unha chamada á implicación dos políticos e insistiu en que tódolos concellos da provincia teñen a capacidade de poñer a andar un sistema de tratamento de lixo baseado na compostaxe. “Os pioneiros na compostaxe son os centroeuropeos, e cando os italianos hai décadas quixeron copiar o seu modelo dicían que non serían capaces… Sen embargo fixérono. No estado os pioneiros foron os cataláns, e en Navarra e País Vasco tamén dicían que non poderían sacalo adiante… E fixérono sen problema. Aquí atópome con que o único argumento que me dan algúns en contra da compostaxe é que a cidadanía é diferente, que será imposible a concienciación… e sen embargo a realidade dos feitos desminte ese plantexamento”, subliñou Pérez, para destacar que os gobernos locais sí poden concienciar á cidadanía polo seu coñecemento do contorno e a cercanía, podendo adaptar cada modelo ás súas características. “O importante é a implicación”, finalizou.
Por último, a deputada Eva Vilaverde, “xefa da expedición en Navarra”, apuntou que foi significativo o convencemento de tódolos asistentes á viaxe a Navarra de que a compostaxe é un sistema necesario tanto para reducir os custes do lixo para as arcas municipais como para evitar maiores danos ambiental. “Conseguiron ver o tratamento de residuos dende un punto de vista ambiental, pero eu destacaría tamén que hai que ir cara a unha economía circular na que a creación de emprego e a inclusión social tamén se teñan en conta”, dixo, para insistir en que “a implicación dos responsables políticos municipais é fundamental, imprescindible, para que os sistemas elixidos funcionen”.











