Celébrase a primeira Comisión de Urbanismo relativa ao PXOM de Carballo despois das últimas modificacións

Comisión de urbanismo
A Casa do Concello vén de acoller esta mañá a primeira xuntanza da Comisión de Urbanismo e Medio Rural dende a emisión dunha Orde por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o pasado 2 de xullo sobre a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM).
Asistiron o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; representantes de todos os grupos da corporación, BNG, PP, TEGA e PSOE, xa que para os trámites que restan manterase o sistema de traballo do pasado mandato, no que se colaborou con todos os partidos con representación municipal; e membros do equipo redactor.
Precisamente estes últimos, así como os técnicos municipais, informaron de todos os cambios esixidos na citada Orde e que o Concello debe acatar para levar a boa fin a aprobación do planeamento. Tamén se falou do resultado das dúas xuntanzas celebradas este verán con técnicos da Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta, nas que se chegou a acordo na maioría dos aspectos despois dun exame exhaustivo, punto por punto e parcela por parcela -especialmente no ámbito rural- de todos os aspectos recollidos no PXOM que foron obxecto de revisión na Orde.
Nos próximos días tanto os técnicos como o equipo redactor seguirán traballando para incorporar todo o sinalado na citada Orde e o falado nas reunións. Cando o proceso estea rematado, será o momento de convocar unha nova Comisión de Urbanismo como paso previo á aprobación por parte do pleno da corporación do documento final.
Tanto os técnicos, como o equipo redactor como o goberno municipal esperan que este sexa o paso definitivo e que xa non quede ningún outro aspecto que requira corrección ou modificación dado o acordo reflectido nas xuntanzas celebradas cos técnicos da Xunta. Unha vez que o PXOM reciba no pleno unha nova aprobación provisional, será a Xunta a que teña a última palabra para a esperada e consensuada aprobación definitiva.











