Carmela Silva manterá senllas xuntanzas cos seus homólogos de Sevilla e Badaxoz
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manterá mañá martes unha xuntanza de traballo cos seus homólogos de Sevilla e Badaxoz no marco dunha visita de traballo que realizan funcionarios da institución pontevedresa a ambas as deputacións.
Carmela Silva manterá mañá, ás 10:00 horas, unha xuntanza co presidente da Deputación de Sevilla, Fernando Rodríguez Villalobos, e ás 15:00 horas con Miguel Ángel Gallardo, presidente da Deputación de Badaxoz.
Estes encontros enmárcanse dentro dunha visita de técnicos da Deputación de Pontevedra a ambas as institucións de Sevilla e Badaxoz para analizar diversos servizos que levan anos funcionando nestas deputacións e que en Pontevedra se estuda a súa posta en marcha ou a súa mellora.
Dentro do novo modelo, que o Goberno provincial está a desenvolver na Deputación de Pontevedra, configúranse proxectos que se desenvolven nestas dúas institucións provinciais, andaluza e estremeña, como son os servizos de Igualdade, Xuventude, Asuntos Municipais, Centrais de Compras ou Innovación Tecnolóxica.
Outro dos aspectos fundamentais destas visitas é coñecer os plans de emprego que se desenvolven nas deputacións de Sevilla e Badaxoz, dado o primeiro e fundamental compromiso do Goberno provincial pontevedrés na creación de emprego de calidade.











