Carmela Silva interésase pola central de compras e innovación tecnolóxica na visita á Deputación de Badaxoz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Carmela Silva mantivo este martes unha reunión de traballo co presidente da Deputación de Badaxoz, enmarcada na súa visita institucional e co obxectivo de analizar diversos servizos cuxa posta en marcha ou mellora estuda a deputación galega.

Acompañada polo presidente, Miguel Ángel Gallardo, Silva visitou distintas estancias do Palacio provincial de Badaxoz e compartiu o seu interese por algunhas das prestacións que o goberno da institución estremeña desenvolve dende hai tempo, como é o caso da central de compras, unha ferramenta para facilitar as compras centralizadas da Deputación de Badaxoz, dos seus entes instrumentais e dos concellos da provincia, para obter mellores condicións en prezo na contratación de bens, servizos ou subministracións, reducindo así o gasto público dende a “responsabilidade social”.

A presidenta, acompañada do equipo de técnicos que estes días manterán reunións tanto en Sevilla coma en Badaxoz, tamén fixo especial fincapé en coñecer o funcionamento do “Plan Dinamiza”, un plan similar ao que o novo Goberno provincial pon en marcha na Deputación de Pontevedra, o Fondo Local, que converte os concellos nos verdadeiros interlocutores para dotalos de recursos que poidan destinar a tesourería, investimentos e servizos básicos, que alcaldesas e alcaldes queiran priorizar nas súas respectivas localidades.

Así mesmo, Carmela Silva interesouse, como xa fixo na súa visita institucional á Deputación de Sevilla, por outros departamentos dentro do novo modelo que está a desenvolver en Pontevedra, especialmente os de Igualdade, Asuntos Municipais da Mocidade ou Innovación Tecnolóxica, así como o desenvolvemento dos plans de emprego da Deputación de Badaxoz, xa que a creación de postos de traballo é o primeiro compromiso que ten o novo Goberno da provincia de Pontevedra.

22 de setembro de 2015 | 21:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.