Carmela Silva esixe a dimisión de Rocío Mosquera e que Feijóo dea explicacións polo hospital de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Europa Press

A presidenta da Deputación de Vigo, Carmela Silva, esixiu “dimisións encima da mesa xa” pola situación do hospital de Vigo, empezando pola da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera. Ademais, demandou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “salga a dar explicacións hoxe sen falta” e se poña en contacto co alcalde da cidade olívica, Abel Caballero.

Carmela Silva, que asistirá á manifestación que se celebrará esta tarde en Vigo contra a privatización da sanidade pública nesa área, fixo un chamamento “a todos os afectados e a todos os pontevedreses” para que vaian defender a sanidade pública, lles afecte directamente ou non”, argumentando que “está en xogo un concepto de sanidade pública segura, de calidade e universal”.

Silva cualificou de “escándalo” a situación “terceiromundista” que atravesa este centro hospitalario e que, segundo a presidenta da Deputación de Pontevedra, “non pode ocorrer nunha sociedade avanzada”.

“Non pode ser que os pacientes de Vigo e a súa contorna estean a sentir que ese hospital non é seguro e sintan que van pór a súa vida en risco”, dixo, o que tachou de “gravísimo”.

Por iso, a presidenta da Deputación de Pontevedra interesouse polas “medidas de seguridade para os pacientes” e preguntou polas accións “que se van a tomar de maneira inmediata para garantir unha atención digna” aos usuarios do hospital de Vigo.

“CUSTOS” PARA O PP

Ademais, advertiu de que as decisións adoptadas polo Goberno da Xunta en materia sanitaria van ter “moitos custos para o PP” en termos electorais. “Hoxe todos os españois miran con incredulidade o que está a pasar no hospital de Vigo”, sinalou, en alusión ás “imaxes de roedores, auga caendo polos teitos e unha persoa que morre por ‘aspergillus’, nun hospital recentemente construído”.

Así, a titular do organismo provincial criticou que “ninguén asume responsabilidades” e reclamou que os responsables políticos digan “a verdade” porque “xa está ben de encher a boca con palabras como transparencia e información”.

“Se eu fose do PP estaría calada e non sairía de casa porque me avergoñaría”, afirmou Carmela Silva, quen se dirixiu aos “militantes do PP en todos os concellos que son asistidos nese hospital privado de Vigo” para que acudan á manifestación a “esixir responsabilidades” ao seu partido.

PRIVATIZACIÓN

A titular da Deputación de Pontevedra definiuse como unha “firmísima defensora” da sanidade pública e rexeitou que “nin en Pontevedra, nin en Vilagarcía, nin en ningunha zona da provincia” leven a cabo infraestruturas sanitarias seguindo o modelo do hospital de Vigo. “Non ao negocio coa sanidade”, insistiu Carmela Silva, quen precisamente acusou ao PP de ser “cómplice de converter nun negocio a sanidade”.

“Hai experiencias de privatización da sanidade noutras comunidades que foron unha barbaridade”, criticou Silva, en referencia aos “estudos técnicos” segundo os cales “a sanidade é máis custosa cando se privatiza”.

Neste sentido, afirmou que o de Vigo é un “hospital privado” cuxo custo foi “moito maior que cando estaba previsto que fose público”, o que repercutiu en que Galicia estea “endebedada por máis de 20 anos”.

3 de setembro de 2015 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.