Carmela Silva dará a coñecer o novo modelo de xestión do goberno provincial ós concellos de máis de 20.000 habitantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

No marco da nova forma de xestión do goberno provincial presidido por Carmela Silva, no que a Deputación está ó lado dos Concellos, esta mañá deuse a coñecer que o vindeiro luns, 7 de setembro, e o mércores, 9 de setembro, a Presidenta se reunirá, respectivamente, co Alcalde de Pontevedra e o Alcalde de Vilagarcía de Arousa no Pazo Provincial.

Tras ter celebrado, o pasado 28 de xullo, unha reunión cos 53 concellos de menos de 20.000 habitantes, a partir da vindeira semana comezarán as reunións cos concellos de máis de 20.000 habitantes. A Presidenta empezará con Pontevedra e Vilagarcía de Arousa para continuar, a partir do 14 de setembro con Redondela, Cangas do Morrazo, Marín, Ponteareas, A Estrada e Lalín. Unha vez rematadas as reunións cos concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes terá lugar a reunión co alcalde de Vigo.

O obxectivo destas reunións é dar a coñecer o novo modelo de xestión do goberno provincial que converte á administración local na verdadeira protagonista xa que son os concellos os que coñecen, de primeira man, as necesidades das súas veciñas e veciños. A partir de agora, serán os concellos os que propoñan as actuacións que se van a desenvolver, argumentando claramente para qué van a destinar os fondos públicos, os proxectos que se van a realizar con ditos fondos, a finalidade dos mesmos, os custes que se aforran e os beneficios que van prestar á cidadanía. Ata o de agora, como así sinalou a Presidenta “resultaba moi complicado saber realmente cáles eran as necesidades dos propios concellos”.

Para poder levar a cabo estas actuacións, a Deputación de Pontevedra porá en marcha un novo fondo local de investimentos que virá a substituír ás innumerables axudas, a meirande parte delas de libre disposición, que existían na Deputación de Pontevedra. O novo fondo local estará conformado por aproximadamente, tal e como indicou Carmela Silva, “uns 40 millóns de euros que se lles van transferir ós concellos cuns criterios transparentes e igualitarios”. A maiores a Presidenta asegurou que se trata de “simplificar os instrumentos de financiamento dos concellos para as súas obras e servizos e, desde logo, o que vai desaparecer é a reserva do 20% de libre disposición que tiña o anterior presidente”.

Carmela Silva subliñou que “rematou a era da libre disposición dos fondos públicos” e engadiu que “aquelo que non se realice a través do fondo local se efectuará a través de concursos públicos de libre concorrencia competitiva, co obxectivo de fomentar a xestión aberta, igualitaria, xusta e transparente dos recursos económicos da Deputación de Pontevedra”.

A maiores, a Presidenta da Deputación informou que se está a traballar, dentro da Deputación de Pontevedra, na configuración dunha nova estrutura, que estará operativa a partir do 1 de xaneiro de 2016, na que “se separen os órganos políticos dos técnicos, algo que estaba completamente mesturado na anterior lexislatura. O funcionariado ten que ser técnico e transmitir seguridade xurídico-administrativa, mentres que a parte política debe ser realizada polos políticos”. Carmela Silva destacou que a anterior corporación tiña unha estrutura moi politizada na que a separación entre órganos políticos e técnicos case non existía.

Finalmente, e despois de ter coñecidos os datos do paro dos últimos meses, a Presidenta manifestou o seu “compromiso e apoio pola xeración de emprego de calidade” e subliñou que “pese a que a Deputación de Pontevedra non ten competencia propia na materia, traballaremos para xerar emprego, incentivalo, impulsalo e mantelo”.

3 de setembro de 2015 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.