Carmela Silva anuncia un novo plan de emprego dotado de cinco millóns de euros
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou a incorporación de máis de cinco millóns de euros de remanentes de tesourería para poñer en marcha un novo plan de emprego para os concellos da provincia. Silva sinalou que pretende seguir garantindo o traballo de persoal cualificado nos concellos ante as dificultades que teñen estas institucións para contratar novo persoal. A presidenta subliñou que o máis importante é que este novo plan de emprego pretende garantir unhas mellores condicións económicas para os traballadores. “Queremos que o próximo Pleno de fin de setembro poida aprobar a incorporación destes remanentes e a posta en marcha do Plan, pero tamén estamos a traballar na modificación das bases, de xeito que estes traballadores poidan cobrar salarios dignos e teñan unha xornada normal”, afirmou Silva.
No que vai de ano desenvolvéronse 198 bolsas de práctica laboral na Deputación e nos concellos da provincia de Pontevedra. Moitos destes bolseiros renunciaron por conseguir traballo durante o período de prácticas e a maioría finaliza o seu traballo este ano.
Tras o resultado positivo destas bolsas e a demanda crecente de persoal con diferente especialización que solicitan os concellos, decidiuse volver convocar unhas bolsas que atendan os obxectivos de eficacia e axilidade dos concellos e a demanda de emprego dos profesionais que non poden acceder con facilidade ás tarefas municipais.
Por outra parte, a presidenta da Deputación tamén informou dos asuntos abordados na Xunta de Goberno de hoxe, na que se decidiu ampliar o prazo de 13 bolseiros coas titulacións de turismo, por un prazo de seis meses, debido á conclusión do actual programa que remata nestas datas.
Deste xeito garántese que os puntos de información turística do aeroporto de Peinador e dos concellos de Bueu, Poio, Cambados, Baiona, Tui e Pontevedra, entre outros, manteñan a súa actividade durante outros seis meses. Esta prórroga dos bolseiros foi solicitada polos propios titores designados polos concellos.
Por último, Carmela Silva tamén destacou a concesión de 1,3 millóns de euros do Ministerio de Educación para poñer en marcha o programa “Practicum Depo 2015”, orientado a completar a formación de mozos e mozas, a mellorar o seu dominio dos idiomas e a ampliar as súas posibilidades de inserción laboral.
En concreto, trátase de que o alumnado recentemente titulados en FP poidan realizar prácticas en empresas no estranxeiro. Nesta primeira fase 46 escolares partirán a Irlanda e Italia para traballar en empresas da súa rama formativa.
Os alumnos e alumnas que participarán neste proxecto proceden de centros educativos de Vigo, Pontevedra, Ponteareas, Vila de Cruces, Silleda, Salvaterra de Miño, Tomiño, Marín, Sanxenxo e Moaña.
No programa “Practicum Depo 2015” participan centros de FP de Vigo (IES A Guía, Ricardo Mella, Centro de Artes Plásticas e Deseño Atlántico, Chapela, Politécnico e Centro de Formación Divino Maestro); tres centros de Pontevedra (Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, IES A Xunqueira I e IES Montecelo); e un centro de cada un dos seguintes concellos: Ponteareas (A Granxa), Vila de Cruces (IES Marco do Camballón), Silleda (IES Pintor Colmeiro), Salvaterra de Miño (IES Salvaterra de Miño), Cambados (IES Francisco Asorey), Tomiño (IES de Tomiño), Marín (IES Chan do Monte), Sanxenxo (IES de Vilalonga) e Moaña (IES A Paralaia).
As bolsas para estes estudantes son de entre 7.000 e 9.000 euros por persoa, dependendo do lugar escollido, e 275 euros para o viaxe.











